28 de dec. de 2015

GALICIA

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde reguladora das subvencións do programa ‘Vivendas do Camiño’, que estará en vigor, polo menos, ata 2020 

A Xunta abre o prazo de solicitude de axudas para a rehabilitación de vivendas nos sete Camiños de Santiago, cun investimento de 3,2 millóns de euros para o vindeiro ano Os solicitantes poderán financiar con cargo a estas axudas ata o 35 % do orzamento subvencionable das obras, cun límite máximo de 11.000 euros por vivenda 

Estas subvencións permitirán rehabilitar vivendas situadas nun total de 498 parroquias galegas 

O programa inclúe unha partida de 500.000 euros para a adecuación de infravivendas situadas no rural Realizarase unha campaña informativa e divulgativa que percorrerá os 107 concellos integrados na Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago  

Neste mapa dos "Camiños de santiago", a Xunta de Galicia volta a reiterar seu "esquecemento" do Camiño Portugués pola Costa ou Monacal, que procedente de Portugal entra en Galicia por Camposancos (A Guarda)


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia abre o prazo de solicitude de axudas para a rehabilitación de vivendas nos sete Camiños de Santiago, cun investimento de 3,2 millóns de euros para o vindeiro ano.  

 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde reguladora da subvencións do programa ‘Vivendas do Camiño’, unha medida recollida no Plan rehaVIta, plan de rehabilitación, aluguer e mellor acceso á vivenda 2015-2020.  

 O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No seguinte enlace pódense consultar as bases desta orde: http://goo.gl/5SDHe4. Ademais, na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), tamén existe un documento no que se detallan os puntos clave destas subvencións: http://goo.gl/048jkS  

 O programa será xestionado directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e das súas axudas pódense beneficiar as vivendas situadas en 498 parroquias dos 107 concellos polos cales transcorren as sete rutas dos Camiños de Santiago en Galicia.  

 Os solicitantes destas axudas poderán financiar con cargo a estas subvencións ata o 35 por cento do orzamento subvencionable das obras de rehabilitación, cun límite máximo de axuda de 11.000 euros por vivenda.  

 As axudas poderán concederse ás persoas propietarias únicas de edificios ou vivendas, comunidades de propietarios e agrupacións de comunidades de propietarios, e as actuacións subvencionables deberán adaptarse ás normativas vixentes en materia de edificación, accesibilidade, patrimonio cultural e urbanismo.  

 Nas zonas urbanas as axudas irán destinadas unicamente ás vivendas situadas no trazado do Camiño, e nas zonas rurais poderán acollerse ás axudas todas as vivendas incluídas na parroquia pola que pasa un dos Camiños de Santiago, e non só aqueles inmobles situados estritamente na ruta. Non se inclúen nestas axudas as vivendas emprazadas noutras ARI xa declaradas.  

 Con este programa, o Goberno galego quere contribuír á posta en valor da paisaxe dos Camiños de Santiago como activo singular da Comunidade Autónoma, a través da recuperación do patrimonio residencial construído na ruta, configurado ao longo dos séculos como un sinal de identidade do país. Así mesmo, a Xunta entende que esta iniciativa contribuirá a dinamizar desde o punto de vista xeográfico e económico as zonas polas cales pasan os Camiños de Santiago, que transcorren en gran medida por territorio rural.  
Campaña de difusión 
 Co obxectivo de estender a cultura da rehabilitación e levar a información das axudas a todos os potenciais beneficiarios delas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo realizará unha ampla campaña de difusión delas nos 107 concellos polos que transcorren os Camiños de Santiago.  

 Con tal fin están previstas as seguintes actuacións en todos os concellos dos camiños: charlas informativas dirixidas aos potencias beneficiarios das axudas; xornadas técnicas para o persoal dos concellos beneficiarios e as autoridades locais; exposicións itinerantes divulgativas sobre a Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago e as axudas de rehabilitación; e actuacións de asesoramento técnico e de coordinación das diferentes administracións implicadas. 

 A Área de Rehabilitación do Camiño de Santiago foi declarada no ano 2010 e comprende o trazado das sete rutas do Camiño en Galicia: 
 • Francés. Desde Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela  
Da Prata I. Desde A Mezquita ou Verín ata Ourense 
Da Prata II. Desde Ourense ata Santiago de Compostela • Inglés. Desde Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela  
Primitivo. Desde A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés  
Norte. Desde Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés  
Fisterra-Muxía. Desde Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía  
Portugués. Desde Tui a Santiago de Compostela  

 Desde a declaración da Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago rehabilitáronse nela 130 vivendas, cun investimento público próximo aos 900.000 euros. Estímase que as axudas que se destinarán o vindeiro ano a este programa permitirán rehabilitar no contorno 300 vivendas. 

 Desde 1996, ademais da Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago foron declaradas en Galicia outras 66 áreas de rehabilitación en 40 concellos diferentes, de maneira que o total de concellos galegos que dispoñen de áreas de rehabilitación ascende a 128, xa que algúns dos concellos incluídos na área dos Camiños de Santiago tamén teñen Aris propias. En total, dende o ano da súa creación, rehabilitáronse ao abeiro das ARIS máis de 11.300 vivendas, cuxos propietarios recibiron axudas da Xunta e do Estado. Os concellos correspondentes tamén realizaron múltiples obras de urbanización e reurbanización no ámbito das ARIS, e recibiron tamén axudas autonómicas e estatais para as ditas obras. A achegas da Xunta e do Estado para a rehabilitación de vivendas e urbanización e reurbanización superan os 85,5 millóns de euros que induciron un investimento de máis de 15 millóns de euros por parte dos concellos e preto de 90 millóns de euros polos propietarios das vivendas, o que supón que o programa de áreas de rehabilitación xa mobilizou, desde a súa creación en 1996, un total de máis de 190 millóns de euros.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario