A toponimia e a lingua formarán parte esencial do patrimonio cultural inmaterial na nova lei autonómica que agora comeza a súa tramitación parlamentaria
Entre as novidades máis importantes que ofrece a lei atópase a regulación do patrimonio inmaterial e a inclusión de novas perspectivas de protección non desenvoltas con anterioridade, como son o patrimonio subacuático, o industrial e o científico e técnico
Infogauda / Santiago de Compostela
A nova Lei do Patrimonio Cultural inclúe dúas novidades significativas respecto da vixente: a regulación nun título específico do patrimonio inmaterial, cun tratamento diferenciado para a lingua galega e a toponimia; e a inclusión de novas perspectivas de protección patrimoniais non desenvoltas con anterioridade, tales como o patrimonio subacuático, o industrial e o científico e técnico. A norma legal que agora comeza a súa tramitación parlamentaria, foi consensuada cos principais axentes e institucións culturais e civís e someteuse a un profundo proceso de participación pública, recibindo un total de 484 alegacións de máis de 60 entidades.
A toponimia e a lingua
A nova norma analiza e inclúe de xeito específico tanto a toponimia como a lingua galega. No caso da primeira, a Xunta velará, conxuntamente con outras institucións, pola preservación da toponimia tradicional, que ten a consideración de valor identitario da Comunidade Autónoma, así como un instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos pobos e dos seus bens. O Goberno adoptará nas súas actuacións administrativas as indicacións e recomendacións dos organismos internacionais.
E, no caso da segunda: o galego, aínda que a lingua como elemento identitario ten a súa regulación específica na Lei de Normalización Lingüística, no actual proxecto de lei recoñécese de xeito expreso como canle pola que vehicular o noso patrimonio inmaterial, que inclúe as tradicións e expresións orais; a toponimia; as artes do espectáculo; os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos; os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo; así como as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos.
A salvagarda do intanxible
Por primeira vez, na Lei prevese que as administracións públicas integrarán a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial nos seus programas de planificación, especialmente mediante os programas educativos e de sensibilización, adecuados para o recoñecemento, o respecto, a difusión e a valorización deste patrimonio na sociedade, nos que a infancia e a xuventude ocuparán un lugar relevante. Na lei tamén se adoptan as definicións e criterios do Convenio para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, recoñecendo o papel activo das comunidades na súa protección e sostemento.
Neste sentido, a administración autonómica fomentará estudos científicos, técnicos e artísticos; e adoptará as medidas de orde xurídica, técnica, administrativa e financeira adecuadas para favorecer a xestión do patrimonio cultural inmaterial, garantir o acceso e informar das ameazas que pesa sobre el e das actuacións de salvagarda recomendadas.
Unha salvagarda activa e participativa
A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial garantirase de xeito colaborativo a través da identificación, documentación, investigación, protección, promoción, valorización e revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos, vertebradores da identidade de Galicia. En consecuencia, fomentarase a participación das comunidades, os grupos e organizacións entre cuxos obxectivos figure o fomento e o desenvolvemento da cultura, así como das institucións representativas, académicas e científicas pertinentes.
Así mesmo, a Xunta fomentará medidas de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia que se manifeste fóra do seu territorio, en especial en Iberoamérica, e onde exista unha presenza de comunidades galegas ou de expresións culturais comúns e compartidas, en particular na área da lusofonía, e recoñecerase a contribución dos artistas, axentes culturais, comunidades e organizacións que traballan en prol do patrimonio.
Protección do patrimonio cultural inmaterial
Os bens do patrimonio cultural inmaterial que resulten singulares e relevantes poderán ser declarados bens de interese cultural ou incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, co obxecto de xerarquizar e priorizar as medidas de salvagarda que deban ser establecidas.
No ámbito dos bens do patrimonio cultural inmaterial que sexan declarados bens de interese cultural ou catalogados poderán identificarse e recoñecerse aos ‘Mestres’, que son aquelas persoas que se signifiquen pola súa especial contribución para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial e a transmisión dos seus valores; as ‘Comunidades’, aqueles grupos que manteñen vivas as expresións deste patrimonio; e ‘Organizacións’: entidades culturais sen ánimo de lucro que teñen entre os seus obxectivos favorecer a conservación e salvagarda patrimonio cultural inmaterial.
Adicionalmente, na identificación dos bens do patrimonio intanxible relacionaranse os bens materiais que pola súa especial vinculación ao ben inmaterial resulten relevantes para a conservación do seu carácter e valores e que, en consecuencia, deben ser obxecto de protección. Ademais, se se considera necesario, protexeranse os espazos e lugares importantes para a memoria colectiva como soportes indispensables nos que o patrimonio cultural inmaterial poida expresarse.
Novos patrimonios
Para rematar, a nova norma dotará dunha regulación específica a novas perspectivas de valoración e protección dos bens patrimoniais que no momento da redacción da lei do 1995 non estaban desenvoltos nin regulados en extenso no eido internacional. Así, mellorarase a protección nos ámbitos do patrimonio inmaterial, o subacuático, o industrial e o científico e técnico. Deste xeito, entre os bens que integren o patrimonio arqueolóxico subacuático incluiranse ex lege os pecios anteriores a 1901 somerxidos no mar territorial de Galicia e definirá uns principios claros de actuación acordes coa Convención da UNESCO que rexe na materia. Así mesmo, a Xunta de Galicia redactará unha carta na que consten os xacementos subacuáticos aos que se refire esta sección.
Os bens que integran o patrimonio industrial serán os mobles e inmobles, así como os territorios e paisaxes asociados, que constitúan testemuños significativos da evolución das actividades técnicas cunha finalidade de explotación industrial, nos que se recoñeza a súa influencia cultural sobre o territorio e a sociedade e manifesten de forma significativa e característica valor industrial e técnico. Para este incluirase a presunción de valor segundo criterio de datación, o que garante unha maior seguridade xurídica, e asumirase igualmente a metodoloxía de actuación dun importante instrumento de xestión como é o Plan Nacional de Patrimonio Industrial.
Finalmente, os bens que integren o patrimonio científico e técnico serán os bens e coleccións de valor relevante que as ciencias empregaron para xerar e transmitir o saber, incluídos os instrumentos e aparatos científicos, as coleccións de animais e vexetais, minerais, figuras plásticas para o estudo anatómico humano ou animal, modelos planetarios, cristalográficos ou xeométricos. Neste a avaliación realizarase de xeito singular e en función da natureza dos bens.
Ningún comentario:
Publicar un comentario