27 de dec. de 2015

GALICIA

A Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará a partir de mañá ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra e de fortes ventos en distintas zonas de Galicia 

A Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web 


Infogauda / Santiago de Compostela


 A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra a partir de mañá, 28 de decembro. 

 Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), comezará a partir das primeiras horas de mañá, con intervalos de vento do Sur e Suroeste de forza 8, e afectará ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra. 

 Ademais da alerta de temporal costeiro de nivel laranxa a Aemet avisa dunha alerta laranxa por vento con refachos de ata 100 qm/h que afectará desde primeiras horas da mañá ás catro provincias. En concreto: no noroeste, oeste e suroeste da Coruña, na Mariña lucense, no noroeste, sur e na montaña de Ourense e nas Rías Baixas, zona do Miño e o interior da provincia de Pontevedra. 

 Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas, ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas. 

 Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Ningún comentario:

Publicar un comentario