En concreto, contempla un total de 24 obxectivos operativos e 185 actuacións
A Xunta avanza cara á aprobación definitiva da nova Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia (EGIA) 2016-2020 coa publicación do borrador e a apertura da fase de alegacións
As entidades do sector poderán manifestara súa opinión e realizar achegas e suxestións antes do día 23 de xaneiro de 2016 coa fin de completar e enriquecer un texto que é o resultado dun proceso de participación activa e coordinada de todos os departamentos da administración autonómica
A EGIA estrutúrase en catro liñas estratéxicas destinadas á promoción dos dereitos e a participación; ao dereito a un crecemento equilibrado e saudable: á intervención en situación de dificultade, risco e conflito persoal, familiar e social; e á mellora da calidade do sistema e a práctica institucional
Infogauda / Santiago de Compostela
A partir de mañá luns 28 de decembro, o texto do borrador da Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia (EGIA) 2016-2020 poderá consultarse na páxina web da Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. Deste xeito, a Xunta de Galicia dá un novo paso cara a aprobación definitiva do plan integral para mellorar a eficacia na asistencia e na protección aos menores no territorio da Comunidade Autónoma, cuxo borrador será aprobado proximamente no Consello de Goberno. O borrador da EGIA está dispoñible na páxina web da Consellería de Política Social, no seguinte enlace: http://benestar.xunta.es
Así, queda iniciado o período de consultas ás entidades que traballan directamente no ámbito da infancia e a adolescencia. Coa apertura da fase de alegacións, as entidades do sector poderán manifestara súa opinión e realizar achegas e suxestións antes do día 23 de xaneiro de 2016. O obxectivo deste proceso é completar e enriquecer un texto que é o resultado dun proceso de participación activa e coordinada de todos os departamentos da administración autonómica que realizaron importantísimas achegas, propoñendo medidas concretas fundamentais para dar cumprimento ao principio xeral de transversalidade das actuacións en favor da infancia. Así mesmo, na súa elaboración partiuse dun estudo da normativa de referencia na materia, da revisión das ferramentas de planificación estratéxica a nivel europeo e estatal.
Coa formulación desta Estratexia a Xunta de Galicia pretende dar visibilidade ás nenas, nenos e adolescentes como suxeitos activos de dereitos e deberes, recoñecendo o seu dereito a ser escoitados e a participar activamente en todos os ordes da vida. O borrador da Estratexia ten en conta as liñas e directrices fixadas no II Plan Estratéxico Nacional de Infancia e Adolescencia (II PENIA), aprobado polo Consello de Ministros o 5 de abril de 2013, e a Estratexia para os nenos do Consello de Europa (2012-2015). Neste sentido, o documento estrutúrase en catro liñas fundamentais, cada unha cun obxectivo prioritario e varios operativos. En concreto, contempla un total de 24 obxectivos operativos e 185 actuacións. As catro liñas estratéxicas son:
- A promoción dos dereitos e a participación: Favorecer unha cultura e sensibilidade social a favor dos dereitos e deberes da infancia e a adolescencia, así como a súa participación activa na comunidade e en calquera proceso que lle afecte, tendo en conta as súas inquedanzas, opinións, demandas e propostas; e as diferenzas por motivo de xénero.
- Un crecemento equilibrado e saudable: Procurar o benestar físico, psíquico, emocional e social da poboación infantil e adolescente, a través da promoción de estilos de vida saudables e contornos medio ambientais e sociais axeitados, así como mediante a detección e a prevención de factores de risco que comprometan o seu desenvolvemento integral, considerando de forma transversal o enfoque de xénero.
- A intervención en situación de dificultade, risco e conflito persoal, familiar e social: Desenvolver unha intervención integral que teña en conta as diferenzas individuais, de xénero e os contextos socio-familiares, dirixida a persoas menores de idade que se atopen en situacións de gran vulnerabilidade, incluídas aquelas que sexan responsables penalmente segundo a lexislación aplicable.
- A mellora da calidade do sistema e a práctica institucional: Reforzar a calidade dos recursos dirixidos á infancia e á adolescencia a través da investigación e do coñecemento, da formación, da capacitación e da cooperación para lograr maiores cotas de benestar, considerando o enfoque de xénero e criterios de eficacia e eficiencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario