Tomiño homenaxea a Mario Rodríguez Gómez cunha exposición sobre a obra do pintor de Figueiró
Infogauda/Figueiró
O Concello de Tomiño organizará do 20 ao 26 de xullo unha exposición dedicada á obra de Mario Rodríguez Gómez (1931-2018), unha homenaxe póstuma a este pintor natural da parroquia de Figueiró cuxa vida e traxectoria artística estiveron marcadas polo exilio e por unha fonda vinculación coa súa terra.
A mostra poderá visitarse no Centro Recreativo e Cultural de Figueiró, entidade colaboradora nesta iniciativa, que pretende reivindicar o legado dun artista que, malia desenvolver boa parte da súa vida no estranxeiro, nunca deixou de mirar ao Baixo Miño como principal fonte de inspiración.
Fillo de Francisco Rodríguez Otero e Isaura Gómez Pérez, Mario Rodríguez viviu desde a infancia as consecuencias da represión franquista. O seu pai foi represaliado e fusilado ao comezo da Guerra Civil, mentres que a súa nai, comprometida coa causa republicana e con destacadas inquedanzas culturais, tamén padeceu a persecución dos sublevados. Estas circunstancias levaron a Mario Rodríguez ao exilio en Bos Aires, onde o mozo artista foi acollido pola intelectualidade galega exiliada e chegou a tratar persoalmente con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha figura decisiva da cultura e do galeguismo.
Anos máis tarde estableceríase en Londres, cidade na que contou con estudo propio e continuou desenvolvendo a súa carreira pictórica. O seu estilo, de carácter inxenuista, caracterízase por unha visión luminosa e persoal da realidade, cunha especial predilección polas paisaxes do Baixo Miño, ás que dedicou boa parte da súa produción artística, converténdoas nunha expresión da memoria, da identidade e da nostalxia da terra.
Con esta exposición, o Concello de Tomiño rende tributo non só á calidade artística de Mario Rodríguez Gómez, senón tamén á súa historia persoal, profundamente ligada á memoria do exilio galego e á defensa dos valores democráticos. Ao mesmo tempo, a iniciativa busca achegar á veciñanza e ás novas xeracións a figura dun creador que soubo transformar a lembranza da súa terra natal nunha obra pictórica de grande sensibilidade e valor patrimonial.

Ningún comentario:
Publicar un comentario