23 de feb. de 2026

NIGRÁN

O persoal de Alten inicia folga indefinida contra os despidos e o cese de actividade en BorgWarner 

As persoas traballadoras afectadas permanecen pechadas nas oficinas dende o pasado xoves e hoxe desenvolveron unha mobilización en Nigrán 


Os afectados, que permanecen pechados nas oficinas da compañía dende o pasado xoves 19 de febreiro, desenvolveron unha concentración este mediodía diante das instalacións de Porto do Molle, en Nigrán
Foto: CIG

Infogauda / Nigrán

 O persoal de Alten, empresa que traballa para a compañía do sector vigués da automoción BorgWarner, iniciou hoxe unha folga indefinida para rexeitar os despedimentos e a ameaza do cese da actividade se non se retiran as demandas por cesión ilegal de persoas traballadoras. Os afectados, que permanecen pechados nas oficinas da compañía dende o pasado xoves 19 de febreiro, desenvolveron unha concentración este mediodía diante das instalacións de Porto do Molle, en Nigrán. 

 Con estas accións o persoal quere denunciar tamén a campaña interna de chantaxes, coaccións e ameazas posta en marcha en xaneiro pola dirección de Alten co coñecemento de BorgWarner, “empresa que recibe millóns de euros de cartos públicos en subvencións”. 

 Dende a CIG lembran que a Inspección de Traballo ditaminou en 2024 cesión ilegal de persoal por parte de Alten a BorgWarner, tras o que moitas das persoas traballadoras interpuxeron demandas xudiciais para reclamar os seus dereitos”. Agora, cando se aproxima a celebración dos primeiros xuízos, “as compañías optaron por medidas de presión para impoñer a precariedade laboral”. 

 Entre elas o despido de catro persoas empregadas, mentres que outras sete se atopan baixo ameaza de remate de proxecto se non retiran a demanda, “o que suporía renunciar aos seus dereitos laborais a afondar na precarización do traballo nas dúas empresas”.   

 En consecuencia, o cadro de persoal decidiu pecharse no interior das instalacións da empresa e iniciar unha folga indefinida, ademais de convocar un calendario de mobilizacións que comezou hoxe cunha concentración en Porto do Molle.

Ningún comentario:

Publicar un comentario