21 de feb. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés enfrontarase ao Costa do Sol Málaga nun duelo pola cabeza da clasificación 

O equipo baixomiñoto recibira este domingo ás 13.00 horas, ante as cámaras de Teledeporte, a un Costa do Sol Málaga que buscará a vitoria para meterse de cheo na loita pola parte alta da táboa 

O Guardés, pola súa banda, competirá cunha convocatoria de 13 xogadoras por dous puntos que lle permitirán disputar o liderado ao Rocasa 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés retoma a actividade esta fin de semana cun duelo de altura. O equipo baixomiñoto recibirá este domingo ás 13.00 horas, no Partido Estrela da xornada que será retransmitido por Teledeporte, a un Costa do Sol Málaga que loitará por meterse na apertada loita polo liderado. Os dous puntos permitirían ao Guardés, pola súa banda, disputar o liderado a un Rocasa Gran Canaria que lle supera pola mínima. De novo, a convocatoria incluirá 13 xogadoras, á espera de novidades das lesionadas e sen sumar reforzos da base.  

 O Mecalia chega tras unha necesaria semana de parón, grazas ao aprazamento do partido da última xornada na pista do Replasa Beti-Onak que finalmente se xogará o 10 de marzo. Antes do descanso, as de Ana Seabra pecharan o seu frenético comezo de ano cunha vitoria traballada ante o Cicar Lanzarote (25-20), que lle valía para certificar o seu lugar activo na batalla polo alto da clasificación. Este domingo, coas pilas cargadas, toca prepararse para un novo capítulo da mesma loita, pois o equipo baixomiñoto terá un novo exame ante outro rival directo polo obxectivo común do liderado ligueiro.  

 Para iso, o Guardés deberá afrontar unha semana máis a dificultade que supón manexar un persoal curto. Este domingo, a convocatoria volve reunir ás 13 xogadoras presentes nos últimos partidos, sen reforzos da base nesta ocasión. Ariana Portillo e Nerea Gil, ambas as dúas de baixa por lesións no xeonllo, terán que esperar aínda unhas semanas para completar as súas respectivas recuperacións. Mentres tanto, tocará continuar coas rotacións e dar protagonismo a todas as opcións para que o cansazo non pese máis da conta. 

 E máis vale que así sexa, pois o maior reto atoparao de fronte o equipo da Sangriña na calidade e as ganas do seu rival. O Costa do Sol Málaga chega cuarto este domingo, cun balance de 12 vitorias, tres empates e catro derrotas algo máis irregular que o que afacía demostrar nas últimas tempadas. Á pouca estabilidade, que provocou caídas na liga ante rivais como Elda ou Aula, as de Suso Gallardo tiveron que sumar tamén nas últimas semanas a decepción de quedar fóra por segundo ano consecutivo da fase final da Copa da Raíña, tras ser eliminado in extremis polo Grafometal (18-17).  

 Con todo, o certo é que este domingo as malagueñas buscarán poñer colofón a un refacho ascendente que inclúe xa tres vitorias importantes e nada apertadas ante Porriño, Elxe e o líder Rocasa, esta última o pasado sábado. Entre unhas cousas e outras, o conxunto andaluz logrou facer borrón e conta nova e aproveitar resultados inesperados na cabeza da táboa para achegarse á loita polo máis alto. Na súa cita co Guardés, non cabe dúbida de que tratará de levar os dous puntos para apertar aínda máis nesa batalla, especialmente tendo en cuenta que o seu último recordo do pavillón da Sangriña foi aquela derrota sobre a bucina que deu ao anfitrión o título da liga regular o ano pasado.  

Ana Seabra: “Temos claro que durante os 60 minutos teremos que estar ao máximo nivel de concentración individual e colectiva” 

 A adestradora do Guardés, Ana Seabra, valorou o deste domingo como “outro gran partido”, indicando que o Málaga “está a pasar por un bo momento e crecendo como equipo”. Ademais do seu percorrido nesta tempada, a técnica considera a dificultade do rival por ser un vello coñecido e veterano da categoría, “un equipo experimentado e de gran calidade” que sen dúbida ofrecerá “un partido difícil”. 

 Contra todo iso, a clave estará en limitar erros e manter a mente no xogo. “Temos claro que durante os 60 minutos teremos que estar ao máximo nivel de concentración individual e colectiva”, define Seabra como folla de roteiro principal. A adestradora guardesa sabe que todo é posible nesta competición e que non cabe confiarse nin dar todo por decidido, aínda co factor cancha a favor: “esta Liga, semana tras semana, demostrounos que non hai favoritos”.   

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 20 

Mecalia Atlético Guardés – Costa do Sol Málaga 

Domingo, 22 de febreiro | 13.00 horas | Pavillón municipal da Sangriña 

Retransmitido en directo por Teledeporte 

Transmisión:

https://www.rtve.es/play/videos/directo/balonmano-gardes-costa-do-sol-feminino/ 

Ningún comentario:

Publicar un comentario