ATLETISMO
Deportistas da Sociedade Atlética do Trega (Tomiño) logran dous subcampionatos autonómicos Sub16 en 3.000 metros lisos
• Son Alba Vasconcellos e Sergio Silva, que logran clasificarse para o Campionato de España
Redacción Deportes / A Guarda
A Sociedade Atlética do Trega (Tomiño) asinou unha destacada actuación no Campionato Galego (categoría cadete) en pista cuberta, celebrado onte domingo en Expourense, ao conseguir dous subcampionatos autonómicos nos 3.000 metros lisos con dous atletas noveis na categoría, que demostraron un nivel moi alto no seu primeiro ano en cadetes.
Alba Vasconcellos Rodríguez, atleta da Guarda, proclamouse subcampioa autonómica cadete tras completar a distancia en 10:41.67, establecendo a súa mellor marca persoal. Con este rexistro logra a mínima B en 3.000 metros lisos. Ademais, xa posuía previamente a mínima A en 1.000 metros, o que, xunto aos seus resultados actuais, asegúralle a participación no Campionato de España Sub16 de pista curta, que se celebrará en Salamanca. A fondista vestirá as cores da Sociedade Atlética do Trega na cita nacional. Cabe lembrar que Alba viña de representar a Galicia no Campionato de España de seleccións autonómicas de campo a través, mostrando a súa progresión na tempada.
En categoría masculina, Sergio Silva Souto, de Tomiño, cun tempo de 9:17.30, que supón a súa mellor marca persoal, logrou a prata nos 3.000 metros lisos. A consecución da mínima A nesa distancia garántelle a súa presenza no Campionato de España Sub16 en pista cuberta, onde competirá igualmente representando á Sociedade Atlética do Trega. No seu caso, rozara previamente a clasificación para o autonómico de campo a través, quedándose ás portas, circunstancia que engade mérito á súa evolución en pista.
Ademais, Nicolás Santísima Trinidad Santín destacou nos 60 metros lisos, logrando un magnífico 3º posto na súa semifinal coa súa mellor marca persoal de 7.95 segundos, rexistro que lle permitiu acceder á final. Finalmente, alcanzou o 14º posto autonómico, obtendo moi boas sensacións e deixando patente a súa clara progresión deportiva.
Estes resultados sitúan á escola de atletismo da Sociedade Atlética do Trega entre as referencias galegas nos 3.000 metros lisos en categoría cadete, consolidando aos seus atletas entre os mellores especialistas autonómicos da distancia no seu primeiro ano na categoría.
Desde o club trasládase os parabéns a ambos os atletas e aos seus adestradores, Javier Sierpes e Patricia Pereira, polo traballo constante e o acompañamento no seu proceso de formación e crecemento deportivo.


Ningún comentario:
Publicar un comentario