21 de feb. de 2026

TOMIÑO

A Casa do Tempo de Sobrada avanza para a súa apertura esta primavera  

 A alcaldesa visitou estas obras que converterán a antiga Casa dos Mestres nun espazo dixital, interactivo e inclusivo co que salvagardar a memoria, costumes e historia da parroquia  


A alcaldesa Sandra González visitou acompañada de varios edís estas obras para comprobar de primeira man os avances
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Pasado e futuro danse a man en Sobrada. Avanzan a bo ritmo as obras da Casa do Tempo, unha reforma integral coa que o Concello de Tomiño está a transformar a antiga Casa dos Mestres e a escola unitaria construída en 1950 nun centro de referencia para a recollida e conservación da memoria colectiva da parroquia. 

 A alcaldesa Sandra González visitou acompañada de varios edís estas obras para comprobar de primeira man os avances e destacou que “a Casa do Tempo é moito máis que unha obra de rehabilitación, é un proxecto que pon á xente no centro e que contribúe a que a memoria de Sobrada se conserve aquí, na propia parroquia e ao alcance de todas as xeracións. Porque investir en memoria é investir en futuro”. 

 O proxecto, que suporá un investimento total de máis de 800.000 euros, deseñouse en coordinación coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sobrada e coa participación activa da veciñanza, que terá un papel central neste novo espazo. Cofinanciado con fondos propios e fondos europeos PIREP, o novo centro permitirá preservar a memoria, os costumes e a historia da parroquia grazas ás ferramentas dixitais de fácil manexo que albergará no seu interior e que converterá o espazo en punto de recollida, almacenamento e creación. Deste xeito, a Casa do Tempo contará cunha peza central coa que usuarios e usuarias poderán escanear e depositar imaxes da súa propiedade sen necesidade de deixalas fisicamente. Todas estas fotografías e vídeos pasarán a formar parte dun arquivo ao que a veciñanza poderá acceder de forma dixital.  

 O centro contará tamén, entre outros elementos, cunha sala de edición audiovisual na que as persoas usuarias poderán traballar nos seus propios vídeos e unha sala de xogo dixital para poñer a proba os coñecementos sobre a cultura e o territorio de Sobrada. 

 A Casa do Tempo consolidarase como un punto de encontro interxeracional, promovendo a participación veciñal e a preservación do patrimonio cultural, histórico e social da parroquia. Tomiño dá así un paso máis na súa aposta pola innovación social e cultural, garantindo que a memoria colectiva de Sobrada permaneza viva para as xeracións futuras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario