CCOO e a súa Fundación entregarán os Premios 10 de Marzo 2026 a Samuel Kwesi, Paz Filgueira e Xosé Lamela
• Os galardóns, que chegan á súa 35ª edición no recoñecemento ao compromiso cos dereitos da clase traballadora coa defensa da democracia e da igualdade, outorgaranse en Santiago o 7 de marzo
Infogauda / Galicia
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a súa Fundación decidiron entregar os Premios 10 de Marzo 2026 ao mariñeiro Samuel Kwesi Koufie, á maxistrada Paz Filgueira Fernández e ao dirixente sindical Xosé Lamela Cacheiro. O acto de entrega desta 35.ª edición terá lugar o sábado, 7 de marzo, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
Coma cada ano desde 1992, estes galardóns recoñecen traxectorias vitais e profesionais que exemplifican o compromiso coa loita sindical, cos dereitos da clase traballadora, coa defensa da democracia e coa igualdade, tanto dentro como fóra do sindicato. A Comisión Executiva Nacional de CCOO entende que estas tres figuras, cada unha no seu ámbito, responden á perfección ao espírito dos premios.
Comisións Obreiras de Galicia e a Fundación 10 de Marzo outorgan anualmente estes galardóns, que se entregan coincidindo co Día da Clase Obreira Galega. Esa efeméride conmemora os tráxicos feitos ocorridos en Ferrol o 10 de marzo de 1972, cando dous traballadores da antiga Bazán (Daniel Niebla e Amador Rey) foron abatidos pola policía franquista durante unha protesta sindical.
Perfís biográficos
Samuel Kwesi Koufie, nado en Ghana e residente en Marín, personifica a historia de miles de migrantes que, co seu esforzo diario, constrúen a riqueza das nosas costas. Porén, no seu caso tivo que asumir un papel que nunca pediu: o de supervivente e testemuña do naufraxio do Villa de Pitanxo, ocorrido o 15 de febreiro de 2022 en augas de Terranova e que levou a vida de 21 dos 24 tripulantes. A súa declaración na Audiencia Nacional contradicindo a versión oficial da armadora foi mostra de valentía e coraxe cívico, ademais dunha excepcional contribución á defensa dos dereitos laborais.
Paz Filgueira Fernández comezou o seu labor xudicial en Lalín e durante dez anos dirixiu o xulgado especializado en violencia de xénero de Vigo. Hoxe en día é a maxistrada titular da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela, praza n.º 3. É unha das operadoras xurídicas máis salientables en materia de violencia machista no Estado e sempre apostou por conxuntar rigor técnico con compaixón humana, acompañando mulleres no seu momento de maior vulnerabilidade. Ademais, desde os seus primeiros destinos empregou a lingua galega nun ámbito, o da Administración de xustiza, no que o idioma propio está relegado.
Xosé Lamela Cacheiro naceu no municipio ourensán de Cartelle en 1952 e conta cunha longa traxectoria de loita sindical. Ao volver a Barcelona da emigración en Alemaña, onde comezou o seu compromiso político, nos últimos anos da ditadura franquista incorporouse a CCOO. Unha vez asentado en Galicia foi o encargado de organizar as Comisións Obreiras en Santiago. De feito, alugou o primeiro local do sindicato na capital galega e, logo, a partir de xuño de 1980, asumiu a responsabilidade de desenvolver a organización no Barbanza, tarefa á que dedicou o mellor de si durante case catro décadas.
35º edición
Neste 2026, os Premios 10 de Marzo chegan á súa trixésimo quinta edición, un período en que CCOO de Galicia e a Fundación que dá nome aos galardóns recoñeceron traxectorias de decenas de persoeiros e de traballadores e traballadoras máis descoñecidos para o gran público. Todos eles están unidos polo seu compromiso social e o seu traballo en prol da democracia e da igualdade. Ofrecemos unha listaxe con algúns dos premiados máis salientables.
Figuras públicas e intelectuais
Xesús Alonso Montero (2004): gran defensor da clase traballadora, da lingua e a cultura galegas e comprometido coa recuperación democrática.
Anxo Guerreiro Carreiras (2007): líder da esquerda nacional galega e figura central na historia recente do noso país.
Emilio Pérez Touriño (2018): expresidente da Xunta de Galicia, contribuíu á creación da Federación do Ensino de CCOO e desde as listas do PCG axudou na elaboración do Estatuto de Autonomía.
Xan López Facal (2019): economista e intelectual galego, premiado polo seu compromiso vital co país e o sindicalismo.
Yolanda Díaz (2021): a actual vicepresidenta segunda do Goberno de España foi premiada pola súa traxectoria vinculada á defensa dos dereitos laborais.
Almudena Grandes (2022): a escritora madrileña recibiu o premio a título póstumo polo seu compromiso coa memoria histórica e as liberdades.
Ana Pardo de Vera (2025): xornalista e directora corporativa de Público, recoñecida polo seu labor en prol do feminismo e a transformación social a través do periodismo. Referentes do sindicalismo e a loita social
Manuel Amor Deus (1992), Suso Díaz (2010), Xan María Castro (2013) e Xosé Manuel Sánchez Aguión (2024): antigos secretarios xerais de CCOO de Galicia.
Waldino Varela Martínez (1993): un dos fundadores históricos do sindicato en Vigo e figura clave da resistencia obreira.
Antonio Gutiérrez Vegara (2011): ex secretario xeral de CCOO no nivel confederal.
Palmyre Ros (2020): pioneira feminista e sindicalista recoñecida polo seu labor histórico.
Jaime Pereira Silva (2022): histórico sindicalista do sector naval (Factorías Vulcano) e activo nos sucesos de 1972.
Mulleres do 72 (2023): Grupo de traballadoras que tiveron un papel clave nos conflitos obreiros de Ferrol e Vigo no 1972.
Outros galardoados destacados
María Dolores Fernández Galiño (2024): valedora do Pobo.
Ánxela Loureiro (2025): escritora e pedagoga.
Pilar Tellado (2025): histórica sindicalista galega.

Ningún comentario:
Publicar un comentario