A Confraría Santa Tecla da Guarda urxe á Xunta a permitir faenar esta fin de semana ante a situación crítica da flota
• A flota guardesa encadea tres meses de inactividade case total por mor dos temporais.
• Desde a Confraría, solicitamos por rexistro á Xunta un permiso excepcional para este sábado e domingo aproveitando a melloría meteorolóxica.
O forte temporal de mar e vento atacando de xeito implacable O Balueiro, no porto de A Guarda
Foto: Santiago Baz Lomba
Rubén Adrover Álvarez* / A Guarda
Desde a Confraría de Pescadores Santa Tecla da Guarda facemos un chamamento urxente á Consellería do Mar para que autorice á flota local a faenar este sábado 21 e domingo 22 de febreiro. Tras tres meses de amarre forzoso pola sucesión ininterrompida de temporais, solicitamos poder aproveitar a tregua meteorolóxica prevista para este fin de semana e así tentar paliar unha situación económica que xa é insostible.
Un porto de mar aberto sen protección ante o Atlántico
A singularidade da Guarda, único porto galego situado integramente en mar aberto sen o resgardo dunha ría, faino especialmente vulnerable. Durante os últimos tres meses, as alertas marelas, laranxas e vermellas forzaron á flota artesanal a permanecer en terra, o que se traduciu nunha redución drástica dos ingresos e unha caída do 22% na cifra global de negocio da Confraría respecto ao exercicio anterior.
Flexibilidade e "sentidiño" fronte ao cambio climático
Dende a Confraría apelamos ao lema do "sentidiño", tan manido pola Xunta de Galicia, para que a Consellería exerza a súa potestade e outorgue un permiso extraordinario. Pero máis aló da urxencia puntual, desde a Confraría cremos que xa é hora de abrir un debate profundo sobre o ordenamento pesqueiro nun contexto de cambio climático. Para nós, resulta incomprensible que a normativa impida traballar un domingo con mar en calma mentres se permite saír un martes baixo alerta meteorolóxica. Debemos adaptar os calendarios á realidade climática de cada porto, buscando un equilibrio entre os descansos e os días nos que é posible realizar o traballo en condicións de seguridade.
Agravio comparativo e asfixia financeira
Levamos tres meses facendo fronte a gastos fixos —seguros, mantemento, cotizacións, custos estruturais— practicamente sen facturación. Hai embarcacións con artes no mar que non puideron ser revisadas durante semanas. Existen unidades produtivas na Guarda que acumulan perdas superiores ao 40 %, porcentaxe que noutras comunidades autónomas dá acceso a axudas extraordinarias.
Neste sentido, aplaudimos a decisión do Goberno do Estado de crear un fondo específico para paliar os efectos dos temporais en Andalucía e Extremadura, do que tamén se beneficia o sector pesqueiro. Consideramos que é unha medida necesaria e xusta. Porén, lamentamos profundamente que portos como A Guarda —que sufriron temporais practicamente ininterrompidos desde novembro— non estean a recibir apoio similar nin a nivel estatal nin autonómico. A realidade é clara: nin unha administración nin a outra parecen ter avaliado as consecuencias letais que esta situación está a provocar na flota artesanal da Guarda. Ademais, a Confraría acumula arredor de 32.000 euros en pagamentos pendentes por parte da administración autonómica, o que incide nunha situación financeira xa de por si insostible.
Desde a Confraría advertimos que, de non actuar con rapidez, o dano estrutural para a flota artesanal será irreversible.
Esta fin de semana o mar dará unha tregua; a Xunta debe decidir se tamén lla da á flota guardesa.
Demandas principais á Consellería do Mar:
• Autorización inmediata para faenar este fin de semana de xeito excepcional.
• Flexibilización dos calendarios laborais en función das condicións meteorolóxicas reais.
• Habilitación de fondos extraordinarios ou reclamación de axudas ao Goberno central para compensar as perdas por inactividade.
• Axilización de pagos pendentes, co fin de paliar a asfixia financeira á que está sometida a Confraría.
• Xuntanza coa Conselleira do Mar, para que coñeza de primeira man a idiosincrasia e problemas específicos da Guarda.
* Patrón Maior

Ningún comentario:
Publicar un comentario