23 de feb. de 2026

PONTEVEDRA

Emerxencias 

Abel Losada recoñece “o exemplo de vocación e altruísmo” da Rede Nacional de Radio de Emerxencias (REMER) en Pontevedra 

O subdelegado entregou diplomas de recoñecemento aos voluntarios e recorda o seu papel clave durante a emerxencia do “apagón”, cando mantiveron en pé as comunicacións da Garda Civil 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, homenaxeou a 15 persoas voluntarias da Rede Nacional de Radio de Emerxencias (REMER) na provincia que cumpriron distintos fitos de anos de servizo
Foto: S. do G.

Infogauda / Pontevedra 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, homenaxeou a 15 persoas voluntarias da Rede Nacional de Radio de Emerxencias (REMER) na provincia que cumpriron distintos fitos de anos de servizo, entregándolles, nun acto celebrado na Subdelegación, o diploma en recoñecemento á súa traxectoria nesta rede de Protección Civil.  

 Durante o acto, Abel Losada deulles as gracias pola súa dedicación: “sodes un exemplo de vocación e altruísmo” e destacou que cando persoas que teñen una afección na súa vida deciden poñela a disposición do servizo público, “hai que agradecelo nestes tempos nos que a defensa do público é máis necesaria que nunca”. Afirmou que a REMER está integrada por persoas que “nos obsequian co seu tempo e o seu saber e que, cando se produce unha emerxencia, deixan o que están facendo e se poñen a axudar”. 

 A REMER da provincia de Pontevedra foi crucial o pasado 28 de abril de 2025, cando a emerxencia do “apagón” afectou gravemente a moitos servizos públicos, entre eles un tan básico como a Garda Civil, que quedou sen comunicacións ás 21.30 horas ao esgotarse as baterías dos equipos repetidores da empresa de telecomunicacións adxudicataria. Un equipo de voluntarios desta rede instalou unha emisora na Comandancia e garantiu as comunicacións con outros voluntarios espallados por distintos puntos da provincia. “Onde fallou unha multinacional que manexa miles de millóns de euros, funcionou a REMER”, destacou Losada. 

 Abel Losada afirmou que os diplomas de permanencia “non son unha simple acreditación dos anos de permanencia, senón un agradecemento a persoas sensibles co servizo público, que son moi conscientes que neste mundo tan tecnolóxico hai que ter sempre unha alternativa para cando pase o que ninguén espera que pase”. 

 Os diplomas foron entregados a 15 radioaficionados cunha antigüidade que vai dos 4 ata os 40 anos, nomeados cos seus correspondentes identificativos “Tango”, como coordinadores de zona. Os diplomas foron entregados a Helio Fernández Alonso, o máis antigo, José Abal Cacabelos, Waldo Mouriño Cascallar, Víctor Peso Lombos, Sergio Lloves Castro, José Miguel Rivas Alonso, Hortensia Rodríguez Martínez, Manuel Angueira Portas, Alfonso Trigo Horrea, Emilio Costas Portela, Francisco Paz Muiños, Fidel Iglesias Ramírez, José María Ferreiro Gómez, Benito Otero García e Alberto Varela Lage. Algúns deles non puideron asistir presencialmente e recibirán o diploma nos seus domicilios. 

 Acompañaron ao subdelegado durante a entrega de diplomas a xefa da Unidade de Protección Civil en Pontevedra, Natalia del Caño, os coordinadores da REMER na provincia, o “Óscar 1”, Ismael Rodríguez, e o “Óscar 2”, Juan Jesús Taracido Sobral. Tamén estiveron os coordinadores de zona máis antigos, Manuel López Méndez, (“Tango 1”) e Leopoldo Chousal Botana (“Tango 5”).  

Unha rede nacional para atender as comunicacións en emerxencias 

 O obxectivo da Rede Radio de Emerxencia (REMER), pertencente ao Ministerio do Interior, é achegar a Protección Civil unha rede de comunicacións que asegure as transmisións en caso de sinistros, emerxencia ou catástrofe. En especial, cando as telecomunicacións non están dispoñibles ou non hai cobertura. 

 A rede está integrada por persoas radioaficionadas que de forma voluntaria intégranse na estrutura para colaborar en situacións de emerxencia. Na actualidade, forman parte de REMER preto de 4.000 colaboradores, dos cales máis de medio centenar operan desde Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario