A Xunta e o concello de Oia avanzan no estudo de solucións para mellorar o saneamento na localidade
A conselleira e a rexedora avaliaron tamén as posibilidades que ofrecen outras achegas como as dirixidas a impulsar solucións naturais fronte ao cambio climático
Infogauda / Oia
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, na que estudaron diferentes solucións para mellorar o saneamento na localidade.
En concreto, avaliaron a opción de levar a cabo un estudo da situación do saneamento tanto no núcleo urbano como na zona rural da localidade, que, debido a súa orografía e situación xeográfica, presenta moita complexidade. Unha vez avaliada a cuestión, ambas administracións establecerán as vías de colaboración e financiamento para acometer o proxecto máis idóneo.
A maiores, durante o encontro a responsable autonómica explicoulle á rexedora que entre as accións subvencionables nas diferentes liñas de axudas de Augas de Galicia para este ano están as obras para minimizar as fugas no abastecemento e reducir as infiltracións nas redes de saneamento así como os proxectos para renovar e/ou instalar sistemas de depuración autónomos en núcleos rurais illados.
Ademais, Ángeles Vázquez tamén animou á alcaldesa solicitar as axudas convocadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para impulsar solucións naturais coas que previr os riscos derivados do cambio climático.
O Diario Oficial de Galicia publicou onte mesmo a convocatoria desta liña de apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde as 12,00 horas do vindeiro 27 de febreiro ata o 27 de marzo ás 20,00 horas.
Segundo explicou a conselleira, a Xunta financiará ata o 80% do investimento, cun máximo de 60.000 euros por proxecto. Cada concello pode presentar ata tres iniciativas, polo que quen que presente tres accións e obteña a máxima contía posible, podería contar con ata 180.000 euros para desenvolver proxectos que incrementen a biodiversidade de áreas urbanas e periurbanas, melloren a súa conservación, favorezan a adaptación ao cambio climático e creen espazos máis saudables.

Ningún comentario:
Publicar un comentario