BALONMÁN FEMININO
O Guardés fai tremer o Gasca e arrebata o liderado ao Bera Bera (28-30)
• O Mecalia fixo historia este sábado ao vencer en casa do Bera Bera, líder ata o de agora, ao que arrebata de forma provisional o liderado da táboa
• Tras unha primeira parte algo máis inestable, o equipo baixomiñoto saíu á pista con moita forza na segunda parte e asinou un total de 18 goles despois do descanso, desarmando a un Bera Bera que perdoou demasiadas veces
• Cecilia Cacheda liderou o ataque e anotou 6 goles das súas propias mans, a pesar de estar fóra de xogo por un golpe durante varios minutos. Jazmín Mendoza anotou outros 6 desde o extremo, e Amandine Balzinc volveu ser protagonista con 16 paradas
Redacción Deportes / San Sebastián
O Mecalia Atlético Guardés fai historia. As de Ana Seabra fixeron tremer a pista do José Antonio Gasca este sábado ao impoñerse ao Super Amara Bera Bera na súa casa grazas a un ataque coordinado á perfección e a unha gran defensa da portería de Amandine Balzinc, con 16 paradas unha vez máis. Despois dunha primeira parte non tan estable e na que as anfitrioas dominaron na súa maioría, o Guardés volveu enchufado do descanso e asinou unha segunda metade na que anotou 18 goles e provocou erros fundamentais nas filas rivais. Ceci Cacheda destacou como líder ofensiva e con 6 goles da súa propia man, a pesar de estar fóra de xogo varios minutos debido a un forte golpe na cara, e tamén foi protagonista Jazmín Mendoza con outros seis acertos desde o extremo. A vitoria, ademais, permite ao Guardés recuperar provisionalmente o liderado da liga Guerreras Iberdrola, á espera do resultado do Rocasa Gran Canaria este domingo.
O marcador inaugurouno Ester Somaza, apenas pasado o primeiro minuto de xogo. María Palomo logrou empatar o partido poucos instantes despois, conseguindo sortear por fin a férrea barreira local. Sería un encontro complexo e no que só cabía ter paciencia para crecer progresivamente, como demostraban as táboas ao termo do primeiro parcial de cinco minutos (2-2, min. 5).
Apertou o Bera Bera e conseguiu pillar desprevido ao ataque guardés en varias ocasións, facéndose con contragolpes que lle permitiron afastarse un pouco no marcador. Tratou de igualar a presión ofensiva o Mecalia para non desengancharse, aínda que comezaba a quedar xa a remolque debido aos ocos en defensa (5-3, min. 11).
Aínda que a exclusión de María Palomo nese momento auguraba unha crecida local aínda maior, o certo é que as donostiarras non lograron aproveitarse, senón que pecaron da súa cuarta perda ata o momento. Nicole Wiggins, en cambio, era quen limitaba as oportunidades de crecer do visitante galego, con importantes aparicións baixo paus. Pasado o ecuador da primeira parte, as distancias curtas mantíñanse (6-4, min. 16).
Pero apertou os dentes o Mecalia e comezou a ser máis agresivo. Elena Martínez coroou unha xogada orquestrada por Cacheda desde os nove metros e Amandine Balzinc parou un canonazo de Micaela Rodrigues que parecía imposible frear. Ceci volveu transformar o seguinte ataque e parecía que a cousa quedaba aí, co equipo guardés conseguindo devolver o encontro a táboas; pero chegou Elena Amores como un raio para sorprender á portería visitante cun contragol que devolvía o liderado ás vascas (7-6, min. 18). E nun dicir amén, o anfitrión recompúxose da man da súa portería e da súa rapidísimo contraataque para selar un parcial 3-0 que facía desvanecer o espellismo de remontada e obrigaba a Ana Seabra a solicitar parar o tempo (9-6, min. 20).
Os dez minutos previos ao descanso, con todo, non escatimaron xa en tensión. O Guardés confirmou a súa subida de ritmo e encadeou dous acertos importantes que demostraban que non desistía, a pesar da fera defensa que Wiggins seguía ofrecendo baixo paus. Aínda que o Bera Bera cobraba vida e volvía abrir distancia por momentos (11-8, min. 23), o certo era que as de Seabra conseguían pillalo agora en máis erros e atopábanse moito máis dentro do partido que ata entón. Así o demostraron cun parcial 2-4 previo ao descanso, que deixaba o desenlace deste esixente partido aínda ben aberto (13-12, min. 30).
Nada máis reiniciarse o xogo, Sempere asinaba o empate por fin, o primeiro desde facía moitos minutos. E comezaba de forma brillante a segunda metade do xogo guardés, encadeando actuacións brillantes en ataque e aproveitando cada ocasión para encaixala na rede rival. Todo iso, xunto con dúas paradas dunha Amandine que seguía sendo fundamental, coroaba un impecable parcial 1-4 que daba agora ao Mecalia a tixola polo mango e facía a Imanol Arias parar o tempo esta vez (14-16, min. 34).
A defensa donostiarra víase agora algo desarmada, co marcador do equipo manténdose preto unicamente grazas aos acertos de penalti. Jazmín Mendoza transformou tres penetracións que eran consecuencia dun xogo ofensivo perfectamente coordinado e que dominaba o ritmo en todo momento (15-18, min. 38). Pero aínda quedaba moito partido por diante, e cada erro podía pesar, especialmente ante un rival como Bera Bera. Así pois, as anfitrioas espertaron e incrementaron a presión defensiva, facéndose con dous roubos de balón consecutivos que acabaron en gol (17-18, min. 39). Seabra volvía parar o tempo, tratando de acougar as augas para os 20 minutos que aínda quedaban por diante.
As idas e vindas seguían, e as de Imanol Arias repetiron a faena encadeando tres goles sen apenas contestación visitante que completaban un preocupante 5-1, á vez que devolvían o partido ao seu liderado (20-19, min. 43). Parábase o xogo varios minutos debido a un forte golpe na cara de Cecilia Cacheda debido a unha acción de Eszter Ogonovszky, que apartou á central lalinense do partido durante varios minutos.
Baixou o ritmo goleador nos minutos seguintes, aínda que non por iso perdeu tensión a situación. O Guardés estaba espléndido en ataque, controlando á defensa rival con notable comodidade, e non escatimaba en presión tampouco na protección da súa porta. As táboas sucedíanse, aínda que co equipo baixomiñoto levando a dianteira lixeiramente (22-23, min. 50).
Unha vez máis desde o extremo, Jazmín Mendoza transformou o seguinte ataque e conseguiu unha renda de dous goles, vital para os minutos seguintes. E aínda que o Bera Bera respondeu coa fórmula de contragol que tanto lle estaba funcionando, Ceci Cacheda volvera á pista e volvía achegar, tanto dirixindo o xogo, como anotando. Ania Ramos marcou o do +3, aínda que para ser excluída debido a unha acción na xogada seguinte (24-27, min. 54).
O peche de partido sería frenético. Cacheda volvía acertar, esta vez desde a liña de penalti -o primeiro que Wiggins non paraba desde facía varias ocasións-, e comezaba a parecer posible a histórica vitoria local. A central atreveuse desde máis aló dos nove metros á seguinte ocasión que tivo e levaba a vantaxe guardesa a máximos (25-29), comezando a poñer nervioso a un Bera Bera ao que se lle terminaba o tempo.
Tchaptchet e Somaza fixeron méritos para a portería de Balzinc e fixeron tremer a un Gasca que non perdía a esperanza. Forzou entón Amores a falta en ataque de Lorena Téllez e perdeu o Guardés unha gran oportunidade para selar a súa vitoria sen dúbidas, pero Balzinc ofreceu a súa parada número 16 a Elba Álvarez, aparecendo no momento preciso para limitar as opcións locais. Mendoza non puido anotar á xogada seguinte e Giuliana Gavilán respondeu cun gol que podía ser catastrófico (28-29, min. 30).
Con medio minuto para terminar, o Bera Bera non presionou suficiente e chegou a dar tempo a Ana Seabra para decidirse por un último tempo morto que planificase os 15 segundos finais. Á continuación, as locais tampouco ofreceron demasiada resistencia e Blazka Hauptman anotaba o gol da vitoria sen indicio de dúbida ao bordo do crono (28-30, final). O Guardés fixo historia e impúxose no Gasca por méritos propios incuestionables, tras unha segunda parte de nada menos que 18 goles. O equipo baixomiñoto volve á senda da vitoria de forma inmellorable e colócase líder provisional ao gañar ao Bera Bera o promedio de goles particular, á espera do encontro entre Rocasa Gran Canaria, segundo, e Cicar Lanzarote que se xogará este domingo pola mañá.
Super Amara Bera Bera (13+15): Nicole Wiggins (p.), Elba Álvarez (3), Eszter Ogonovszky (4), Naroa Zabala, Laura Hernández (2), Lisanne Kruijswijk, Maitane Echeverría, Ester Somaza (6), Elke Karsten, Lyndie Tchaptchet (4), Elena Amores (4), Anne Erauskin, Micaela Rodrigues (4), Giuliana Gavilán (1), Oihana Murgiondo e Elene Fresco.
Mecalia Atlético Guardés (12+18): Cecilia Cacheda (6), Sabina Mínguez (p.), África Sempere (3), Jazmín Mendoza (6), Blakza Hautpman (3), María Palomo (3), Rosane Serrano (1), Elena Martínez (4), Carme Castro (1), Ania Ramos (2) e Amandine Balzinc (p.) (1).
Marcador cada cinco minutos: 2-2, 5-3, 5-4, 9-6, 11-8, 13-12, 14-16, 18-19, 20-19, 22-23, 25-27, 28-30.
Árbitros: Tania Rodríguez e Lorena García. Amoestaron con tarxeta amarela á local Ester Somaza e excluíron con dous minutos ás locais Eszter Ogonovsky e Giuliana Gavilán; e ás visitantes María Palomo, Lorena Téllez e Blazka Hauptman.
Incidencias: Partido de décimo sétima xornada da liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón José Antonio Gasca (San Sebastián).
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario