1 de abr. de 2026

O ROSAL

O Rosal sementa conciencia ambiental nas aulas coa reciclaxe como ferramenta   

• O alumnado do CRA María Zambrano participou nun obradoiro práctico para fomentar hábitos responsables e avanzar cara a unha economía circular dende a infancia  

 

A través de xogos e exemplos próximos á súa realidade, a cativada participante descubriu que reciclar é sinxelo e está ao alcance de todas as persoas

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 O Concello continúa apostando pola sensibilización ambiental da infancia e da mocidade a través de accións formativas nos centros educativos rosaleiros. Neste camiño, o CRA María Zambrano acolleu un obradoiro de reciclaxe dirixido ao alumnado co obxectivo de promover hábitos responsables na separación de residuos e impulsar unha cultura de reutilización e economía circular desde idades temperás. 

 Durante a sesión, o alumnado participou en dinámicas prácticas e participativas orientadas a aprender a separar correctamente os residuos, identificar os materiais que poden ser reciclados, evitar erros comúns e comprender o impacto positivo que teñen os pequenos xestos diarios no medio ambiente. A través de xogos e exemplos próximos á súa realidade, a cativada participante descubriu que reciclar é sinxelo e está ao alcance de todas as persoas. 

 A iniciativa foi valorada moi positivamente tanto polo profesorado como polo alumnado, destacando o carácter práctico e motivador da actividade, que permitiu reforzar os contidos ambientais xa traballados no centro. 

 Como sinalou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “educar na sostibilidade dende a infancia é unha ferramenta fundamental para construír un futuro máis respectuoso co medio ambiente. Estas actividades permiten á rapazada interiorizar hábitos que despois trasladan ás súas casas e á súa contorna. O cambio comeza nos pequenos xestos do día a día e este tipo de iniciativas permiten espertar unha actitude activa e participativa na defensa do medio ambiente entre a rapazada”. 

 O Concello de O Rosal seguirá impulsando accións de educación ambiental ao longo do curso escolar, reforzando o compromiso municipal coa sustentabilidade e coa creación de hábitos saudables e responsables cara ao medio ambiente. 

 Para máis información sobre futuras actividades, pódese consultar a web municipal ou os canais oficiais do Concello. As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web de Medio Ambiente do Concello ou contactar a través do correo electrónico info@ocaminosostible.gal ou do   teléfono 647 521 464. 

 Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario