1 de feb. de 2026

VIGO

A asemblea de GKN aposta pola folga contra a decisión da empresa de despedir 72 persoas 

 O cadro de persoal da compañía viguesa do sector da automoción manifestouse hoxe na cidade en defensa dos postos de traballo 


Na marcha que tivo lugar ao mediodía participaron arredor máis dun milleiro de persoas -xa que ás 725 que compoñen o cadro de persoal sumáronse familiares, amizadas e persoas traballadoras doutras empresas do sector
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A asemblea de persoas traballadoras da compañía viguesa do sector da automoción GKN Driveline celebrada hoxe apostou por convocar folga contra a decisión da empresa de aplicar un ERE extintivo que afectaría a 72 empregados/as. Tras o encontro o cadro de persoal percorreu en manifestación a distancia entre as instalacións da fábrica e Praza América en defensa de todos os postos de traballo. 

 Na marcha que tivo lugar ao mediodía participaron arredor máis dun milleiro de persoas -xa que ás 725 que compoñen o cadro de persoal sumáronse familiares, amizadas e persoas traballadoras doutras empresas do sector- ao berro de “Non ao ERE en GKN” e “Dirección dimisión”. Trátase da primeira das mobilizacións anunciadas polo comité de empresa para rexeitar os despidos. 

 Previamente, por volta das 11:00 horas, celebrouse unha asemblea no aparcadoiro da empresa na que se abordou a situación e se acordou promover unha convocatoria de folga e continuar coas protestas. “Tomamos nota do mandato da asemblea, polo que mañá mesmo poreime en contacto cos secretarios das seccións sindicais para formalizar unha convocatoria de folga”, tal e como sinalou o presidente do comité, Pedro Velasco, da CIG. 

 O responsábel sindical queixo deixar moi claro que o cadro de persoal non vai permitir de ningún xeito que a dirección lle falte ao respecto ás persoas traballadoras. “Até aquí chegamos; non podemos permitir ningún despido en GKN Vigo; porque no momento no que nos poñamos de perfil e permitamos un despido é o fin da empresa. Así que convocatoria de folga, unión sindical e forza”, rematou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario