31 de xan. de 2026

TOMIÑO

Tomiño transforma o Espazo Deportivo do Mosteiro cun proxecto integral de mellora e modernización  

O novo impulso ao deporte tomiñés coa renovación das pistas de tenis, a ampliación das pistas de pádel e a iluminación de todo o espazo 

 

O Concello de Tomiño aposta firme polo deporte e pola mellora das infraestruturas deportivas municipais coa elaboración dun ambicioso proxecto de renovación, ampliación e reordenación do Espazo Deportivo do Mosteiro
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño continúa avanzando na súa aposta firme polo deporte e pola mellora das infraestruturas deportivas municipais coa elaboración dun ambicioso proxecto de renovación, ampliación e reordenación do Espazo Deportivo do Mosteiro, un dos enclaves deportivos de referencia no municipio e na súa contorna. 

 A actuación permitirá dotar este espazo dunha nova visión máis moderna, funcional e adaptada ás necesidades actuais e futuras da veciñanza, mellorando tanto a calidade das instalacións como a súa capacidade de uso. O proxecto contempla o mantemento, renovación e reordenación das tres pistas de tenis existentes, así como a creación de tres modernas pistas de pádel, que substituirán á actual, xa moi deteriorada, ampliando de forma notable a oferta deportiva. 

 Ademais, todas as pistas, tanto as de tenis como as de pádel, contarán con iluminación, o que permitirá un maior aproveitamento das instalacións e un uso máis cómodo e seguro en horario ampliado. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “este proxecto responde á nosa vontade de seguir mellorando as infraestruturas deportivas do concello, ofrecendo espazos de calidade, modernos e pensados para o uso real da veciñanza. Apostar polo deporte é apostar pola saúde, polo benestar e pola cohesión social”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Benestar Social e Deportes, Rubén García, subliñou que “non se trata só de renovar pistas, senón de repensar e reordenar todo o espazo para que siga sendo un referente, un lugar ao que moita xente vén buscando unha área deportiva funcional, accesible e gratuíta para practicar deporte en boas condicións durante todo o ano”. 

 O proxecto suporá un investimento aproximado de 250.000 euros, reafirmando o compromiso do Concello de Tomiño cun modelo de municipio que aposta polo deporte, polos hábitos de vida saudables e por infraestruturas públicas de calidade ao servizo da cidadanía. 

 Esta actuación é tamén froito dun proceso de participación e escoita activa, no que se contou coa colaboración das principais asociacións e colectivos usuarios do espazo. O proxecto foi presentado aos distintos axentes implicados, recollendo achegas e opinións co obxectivo de construír unha proposta consensuada e adaptada ás necesidades reais do uso diario da instalación. 

 Tal e como explicou García, “consideramos fundamental contar coa opinión de quen utiliza o espazo a diario. Este proxecto nace do diálogo e da colaboración cos colectivos deportivos e sociais, porque entendemos que así se constrúen mellores infraestruturas”. 

 A remodelación do Espazo Deportivo do Mosteiro enmárcase nunha estratexia máis ampla de mellora das infraestruturas deportivas municipais, que inclúe outras actuacións xa previstas e en marcha, como os novos vestiarios do campo do Alivio, un proxecto xa aprobado e que se atopa na fase final de licitación. 

 Por último, Sandra González subliñou que “seguimos a avanzar con planificación e responsabilidade, mellorando infraestruturas existentes para adaptalas ás novas demandas, cunha xestión eficiente dos recursos públicos e unha visión clara de futuro para o municipio”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario