BALONMÁN FEMININO
O Guardés cadete gaña a Liga Ouro por primeira vez na súa historia
• As cadetes de segundo ano do Mecalia Atlético Guardés veñen de proclamarse campioas da Liga Ouro, primeira competición a nivel galego, algo que non sucedera nunca na historia da base do Club
• O primeiro posto dálles acceso directo á Fase Estatal, na que competirán por avanzar nun Campionato con outros equipos cadete de toda España
A base do Mecalia Atlético Guardés segue a facer historia. As cadetes de segundo ano de María Doiro veñen de proclamarse campioas da Liga Ouro, primeira competición a nivel galego
Fotos: SportCoeco
Redacción Deportes / A Guarda
A base do Mecalia Atlético Guardés segue a facer historia. As cadetes de segundo ano de María Doiro veñen de proclamarse campioas da Liga Ouro, primeira competición a nivel galego, algo que nunca lograra esta categoría das xuventudes do Club baixomiñoto. O seguinte paso ao que dá acceso o título é un Campionato a nivel estatal para o cal xa se están a preparar.
O pasado domingo 29 ás 13.00 horas, o pavillón da Sangriña viviu unha nova alegría ao ver ao equipo Cadete A do Mecalia Atlético Guardés selar a vitoria que lle valeu un título histórico. O 33-26 ante o BM Culleredo Sutenor supoñía o décimo sexto triunfo da tempada para as de María Doiro unha tempada na que só caerán en dúas ocasións, e grazas ao que colleitaban un total de 32 puntos que lles permitía pechar a fase regular da Liga Ouro á cabeza.
E se ben as xuventudes do conxunto do Baixo Miño seguen a sumar logros de forma recorrente nos últimos anos, coma as sucesivas clasificacións ás Final Four de cada categoría, esta é a primeira vez na historia do Club na que o seu equipo cadete álzase co primeiro posto. A mesma promoción, dous anos atrás, xa erguera o ouro completando toda unha fazaña cando militaba na Liga Ouro da categoría Infantil; e o pasado domingo amosou a súa capacidade de crecemento ao repetir o fito malia o aumento de nivel.
Os seguintes pasos para as cadetes de María Doiro son ilusionantes e están xa no horizonte: primeiro, unha Minicopa na que defenderán o seu lugar como mellor conxunto galego para acompañar ao soño do equipo de elite; e a continuación, a Fase Estatal á que este título ligueiro vén de darlles acceso. Do 21 ao 24 de maio, con localización aínda por determinar, o Guardés loitará dende unha praza nun dos Sectores Nacionais do Campionato de España, competindo contra outros tres equipos por avanzar nun torneo que reúne a cadetes de todo o Estado.
María Doiro: “Foi un camiño de dúas tempadas, con moito traballo cotián de insistir, de corrixir e de volver intentalo”
A adestradora do equipo Cadete A, María Doiro, valorou especialmente este logro das súas, indicando que “este campionato fainos moita ilusión, pero sobre todo polo camiño que hai detrás”. Para a técnica guardesa, o das súas xogadoras “foi un camiño de dúas tempadas, con moito traballo cotián de insistir, de corrixir e de volver intentalo”, o que fai que o que máis se aprecie entre as súas filas sexa como “o equipo soubo ir medrando pouco a pouco”.
Doiro insiste en que non foi un periplo nada sinxelo, o que agranda o mérito das mozas. “Souberon sosterse como grupo en todo momento, sobre todo nos máis complicados”, explica, detallando como “adestraron con moita seriedade e disciplina, esixíronse a súa mellor versión e entenderon que mellorar non é inmediato”. A paciencia e a constancia, así coma o traballo en equipo, “é o que nos levou ata aquí”, segundo observa a adestradora.
Para o futuro, os obxectivo están claros, ese Sector Nacional e Minicopa que serán “un novo salto” con respecto ao traballo xa feito. Dúas competicións esixentes pero que son “xusto o que buscamos: situacións novas que nos obriguen a adaptarnos, a traballar máis e máis duro, e a seguir medrando non só como xogadoras, senón tamén como equipo”, afirma Doiro. “A idea é manternos aí: no traballo do día a día, na esixencia e en seguir a construír algo xuntas”, conclúe a preparadora do Guardés cadete, valorando especialmente o compromiso dunhas xogadoras que veñen de facer historia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario