BALONMÁN FEMININO
O Guardés medirase ao Elxe en cuartos de final da EHF European Cup
• O equipo baixomiñoto foi emparellado co rival español no sorteo de cuartos de final e semifinais da competición celebrado este mediodía
• En caso de clasificarse, o Mecalia tamén podería atoparse co outro equipo español aínda presente, pois o gañador desta eliminatoria medirase en semifinais ao vencedor da parella formada polo Hazena Kynzvart checo e o Costa do Sol Málaga
• Os cuartos deberán xogarse as fins de semana do 21/22 e 28/29 de marzo, co Guardés como anfitrión do primeiro encontro. As datas coinciden, precisamente, co duelo ligueiro de vixésimo terceira xornada entre ambos
• As semifinais, nas que o gañador deste cruzamento xogará de visitante, prevense para o 18/19 e 25/26 de abril
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés xa coñece o seu destino no que resta de EHF European Cup. O sorteo de cuartos de final e semifinais da competición europea celebrado este sábado emparellou ao equipo baixomiñoto co tamén español Atticgo BM Elxe para o próximo destes encontros, co Mecalia como anfitrión do cruzamento. Segundo o calendario, provisionalmente ambos os equipos mediranse polo pase a semifinais a fin de semana do 21 e 22 de marzo na Sangriña e o 28 ó 29 no Esperanza Lag ilicitano; o que significa un encontro triplo entre ambos, contando co duelo ligueiro de xornada 23 previsto para as mesmas datas. O gañador do emparellamento verallas en semifinais, ademais, ben ante o Hazena Kynzvart checo ou ante o terceiro equipo español aínda presente na competición, o Costa do Sol Málaga, entre o 18 e o 26 de abril.
Tras o seu éxito no campionato continental ata o de agora, o Guardés afronta con ganas os novos retos que lle esperan no camiño. A dificultade segue aumentando e a sorte quixo que o equipo baixomiñoto teña que verllas na seguinte rolda cun vello coñecido e compatriota, que ademais presume dun historial brillante na competición, e ao que deberá visitar ademais en datas similares con motivo da competición ligueira.
Así, o equipo miñoto medirase en cuartos de final ante o Atticgo BM Elxe, un duro rival na elite española que esta tempada defende a súa oitava andaina nun torneo europeo. Tras resultados máis irregulares nos anos anteriores, as de Joaquín Rocamora medíronse precisamente ao Guardés en semifinais do ano 2022/2023, en que o conxunto galego obtivo finalmente a prata da competición; para, a tempada seguinte, facer historia ao levantar o título de campión ante o IUVENTA Michalovce eslovaco. E mentres que o ano pasado o Elxe non logrou avanzar da fase de grupos da competición superior EHF European League 2024/2025, este curso as alacantinas están decididas a obter a súa segunda copa europea. E que mellor oportunidade que un derbi español para comezar a recta final cara á gloria. Aínda que o seu desempeño na liga española está a ser algo irregular no que vai de tempada, situándose no ecuador da táboa cun balance de oito vitorias, sete derrotas e un empate, o equipo ilicitano asina un historial moito máis estable na súa misión europea ata o de agora. Superou de maneira algo axustada a Rolda 2 ante o Dunajská Streda eslovaco (55-51 o global), para despois impoñerse sen maior problema nos seus retos da Rolda 3 (44-35 contra o Skopje macedonio) e de Last 16 (55-43 fronte ao Kobierzyce polaco). A súa próxima estación: un Guardés, vello coñecido, ao que o ano pasado arrebatou unha praza na final polo título ligueiro nunha eliminatoria tamén a dobre partido.
Aínda que no curso actual non logrou vencer na súa visita á Sangriña en novembro (20-17), o Elxe é dabondo coñecido no pavillón baixomiñoto por ser un equipo de alto nivel, e con gran capacidade de concentrar enerxías para saír airoso deste tipo de duelos.
En definitiva, non cabe relaxarse ante o que se presenta como un dos favoritos polo título, senón que tocará volver apertar por pechar coa maior vantaxe posible a próxima visita do mesmo a Ou Inferno. O primeiro partido de cuartos de final, en que o sorteo escolleu ao Guardés como local, xogarase previsiblemente a fin de semana do 21 e 22 de marzo -data para a que, precisamente, estaba previsto o partido de Liga de xornada 23 entre ambos os clubs -, coa volta agendada para o 28/29 no Esperanza Lag. Tocará axustar o calendario para encaixar tres encontros de idéntica rivalidade, pero de carácter moi diferente, nunha mesma semana.
Posible rival español tamén en semifinais
O sorteo deste mediodía tamén determinou a composición do cadro para o que resta de competición. O gañador da parella Guardés/Elxe, a cuarta en saír, medirase en semifinais como visitante ao vencedor do par que compoñen o tamén español Costa do Sol Málaga e o Hazena Kynzvart checo. Noutras palabras: a sorte quixo que só un equipo español do tres aínda vivos poida chegar á final da competición.
Polo demais, o outro brazo do cadro componse da parella Bursa Büyüksheir BSK (Turquía)/AC Paok (Grecia), cuxo gañador será local na semifinal contra o clasificado do par Cabooter Fortes Veno (Países Baixos)/MSK IUVENTA Michalovce (Eslovaquia).
Ana Seabra: “Prepararemos estes tres partidos contra Elxe como temos que facelo, porque xa non hai rivais fáciles”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, valorou os resultados do sorteo desta mañá, indicando que a sorte non acompañou da maneira desexada, pero que “sabiamos que o Elxe era unha posibilidade”. O compatriota español, para a técnica, é “un equipo que coñecemos ben, que está a crecer e facendo unha boa tempada”, como demostran os seus resultados na mesma competición europea.
Seabra destacou tamén as condicións do calendario, que provoca que xoguen contra o club ilicitano tres meses nun prazo de menos de tres semanas. Con todo, mesmo rival ou non, a filosofía é a mesma, e xa apunta que prepararán estes tres partidos “como temos que preparalos”, xa que a estas alturas, “en cuartos de final, xa non teremos rivais fáciles”.


Ningún comentario:
Publicar un comentario