31 de xan. de 2026

TUI

A Eurocidade Tui-Valença celebra o seu 14ª aniversario cun concerto conmemorativo  

O Conservatorio Profesional de Música de Tui e a Academia de Música da Fortaleza de Valença interpretarán un repertorio intercultural 

 



Infogauda / Tui

 O Teatro Municipal de Tui acollerá o próximo sábado, 7 de febreiro, ás 20:00 h (ES) o concerto conmemorativo do 14º Aniversario da Eurocidade Tui-Valença.  A música, coma linguaxe universal e un dos símbolos de unión das dúas cidades, será un punto de encontro.   

 O concerto, protagonizado pola Academia de Música da Fortaleza de Valença e polo Conservatorio Profesional de Música de Tui, reflectirá o intercambio artístico e as relacións humanas que se viven a diario na Eurocidade.  Sobre o escenario estarán músicos que estudan, ensaian, e crecen xuntos, independentemente do lado do río Miño onde estean.   

 A identidade cultural compartida queda de manifesto nun programa intercultural que presenta ao público unha viaxe polos sons do fado, da gaita, e de distintas agrupacións con músicas para todos os gustos. No remate do espectáculo os músicos interpretarán conxuntamente o Himno da Alegría, que será cantado polos coros da Academia e do Conservatorio en portugués e galego, ofrecendo unha mensaxe de unión, fraternidade e valores europeos que definen a Eurocidade Tui-Valença.  

 O evento contará coa intervención institucional do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, e do presidente da Cámara de Valença, José Manuel Vaz Carpinteira, reafirmando unha cooperación sólida, construída con visión, proximidade e confianza mutua.   

 O concerto non é so unha conmemoración senón que é a expresión viva dun territorio sen fronteiras.  

 O Concerto Conmemorativo do 14ª Aniversario da Eurocidade contará con entrada libre até completar á cabida no Teatro Municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario