9 de out. de 2025

VIGO

A CIG-Ensino denuncia os “graves trastornos” que as obras no CIFP Manuel Antonio de Vigo están a provocarlle á comunidade educativa 

Reclaman unha maior planificación da Consellaría de Educación 


CIFP Manuel Antonio
Foto: CIG

Infogauda  / Vigo

 O CIFP Manuel Antonio ten grandes deficiencias arquitectónicas, derivadas do paso do tempo e mesmo do seu deseño estrutural. 

 Despois de varios anos de reclamacións e peticións por parte da dirección, do profesorado, de alumnado e da CIG-Ensino, por fin comezaron as obras de restauración, aprobadas desde 2014. 

 As obras iniciáronse xa avanzado o mes de agosto, e evidentemente non remataron e non se sabe exactamente cando van rematar. 

 Este feito está provocar graves trastornos no desenvolvemento das actividades lectivas: ruídos, vibracións, movemento de maquinaria, carga e descarga de material de construción, derrubamentos e extracción de cascallos, etc.  

Mais a preocupación máis importante é: 

- Seguridade do alumnado e do persoal. Xa houbo algún derrube de cascallos. 

- Danos nos equipos do propio centro. Maquinaria e material de varios laboratorios están gravemente danados por caída de obxectos e auga: Patronaxe e Moda, Clínico, Biomédico (con material biolóxico potencialmente perigoso), etc. 

 Por eses motivos, desde a CIG-Ensino refiren: "Somos conscientes da preocupación do equipo directivo, que procura cambiar aulas, marcar percorridos seguros, recomendarlle á empresa que non use maquinaria ruidosa durante as clases, etc.), mais tamén da necesidade de rematar o antes posible a obra. 

 O CIFP Manuel Antonio é un dos maiores centros de Galiza, con 1800 alumnas e alumnos. A comunidade escolar séntese discriminada e abandonada polas diferentes Administracións (Consellaría de Educación e Concello de Vigo) con respecto a outros centros.  

 Afortunadamente este outono está a ser seco, pois se fose un outono normal, de chuvias, o desastre sería inmenso, xa que hai varios teitos abertos. 

 Por todo isto, solicitamos: 

- Que a Consellaría de Educación pida responsabilidades polos trastornos que a obra está a provocar. 

- Que adopte unha solución urxente para evitar danos maiores. 

- Que teña en conta o curso escolar a hora de planificar obras nos centros educativos e non provoque estas fatais consecuencias nos inicios de curso".

Ningún comentario:

Publicar un comentario