O Rosal volve abrir as portas do seu pasado cunha nova edición das Xornadas de Patrimonio
• O Concello organiza tres charlas de balde para descubrir o patrimonio industrial, artístico e inmaterial que define a identidade rosalesa
Infogauda / O Rosal
A historia volve cobrar vida no Rosal. O Concello pon en marcha unha nova edición das Xornadas de Patrimonio, unha cita xa consolidada co coñecemento e a memoria colectiva que busca achegar á veciñanza e ás persoas visitantes a riqueza patrimonial, material e inmaterial, do municipio. Serán tres xornadas abertas a todos os públicos, que se celebrarán entre outubro e novembro e que contarán coa participación de recoñecidos especialistas galegos.
“O patrimonio non é só o que vemos, senón tamén o que herdamos e o que transmitimos. Con estas xornadas queremos seguir facendo do Rosal un espazo vivo de historia, cultura e identidade compartida”, sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que destacou “a aposta do Concello por poñer en valor o noso patrimonio dende unha perspectiva participativa, accesible e divulgativa”.
Coincidindo coas Festas do Outono do Pilar, a primeira cita será este sábado, 11 de outubro, ás 11:30 h no Centro Social Polivalente, coa charla “Instalacións industriais e cultura en Galicia” a cargo de Manuel Lara Coira, presidente de Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial. O enxeñeiro e profesor universitario falará da importancia das instalacións industriais como patrimonio cultural, tomando como exemplo casos do Rosal, e presentará o libro “Tierra y fuego en la ría del Ferrol”, que recolle a vinculación do municipio coa industria da arxila e coa figura do rosaleiro Manuel Arzúa Vila.
A segunda xornada chegará o venres, 7 de novembro, ás 20:00 h na igrexa de Santa Mariña do Rosal, coa conferencia “Orixe e xenealoxías artísticas do retablo barroco de Santa Mariña do Rosal”, impartida pola historiadora da arte Noa Rodríguez Rodríguez, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela. A sesión ofrecerá unha nova mirada ao retablo barroco rosaleiro e ás conexións artísticas entre Galicia e o norte de Portugal no século XVIII.
O ciclo pecharase o venres, 28 de novembro, ás 20:00 h no Centro Social Polivalente, coa charla “A vida e a fala do Rosal hai 40 anos” a cargo de Francisco Fernández Rei, catedrático emérito da USC e membro da Real Academia Galega. O investigador compartirá as gravacións e testemuños recollidos no Rosal en 1981 para o Arquivo do Galego Oral, unha viaxe á vida, á lingua e ás tradicións locais da época.
Ningún comentario:
Publicar un comentario