6 de out. de 2025

O BAIXO MIÑO

DETRÁS DAS PEGADAS DE ALONSO RÍOS POLA SERRA DA GROBA 



Vista das persoas que asistiron III Roteiro do Sr. Afranio
Foto: Santiago Baz Lomba


Helena Pousa 

 Este sábado, 4 de outubro, a Comisión pola RMH do Baixo Miño, O Condado e A Louriña levamos a cabo o III Roteiro do Sr. Afranio, nunha camiñada polos montes de Oia e Tomiño. 

 Nesta ocasión tiñamos en mente seguir de preto o camiño percorrido por Antón Alonso Ríos desde a súa fuxida ao monte Aloia, o día 26, onde se refuxiaron moitas persoas defensoras da legalidade da II República trala entrada do exército sublevado en Tui. Menos mal que se lle ocorreu seguir fuxindo e non quedar no Aloia, porque acabaría morto como moitos outros metrallados polos golpistas. Decidiu ir cara a Tebra, xunto con Guillermo Vicente de Santiago, a súa dona María Álvarez, e o mestre da Picoña, Justo Estévez, co que de novo se encontraría no exilio, en Buenos Aires, anos máis tarde. Desde o inicio, este era o itinerario previsto para a 3ª etapa polo Baixo Miño, mais as dificultades do camiño e o escaso interese paisaxístico do monte, agora inzado de eucaliptos, levaron ao comité organizador a procurar unha ruta máis atractiva, e que se axustase en certa maneira aos lugares polos que posibelmente andou, próximos a Pinzás e a Cristelos, preto da casa do Bouzada que moito o axudou. 

 Sen telo en mente, esta actividade cadrounos co sábado aciago en que mataron de madrugada a 6 homes do Baixo Miño en Mondariz [Fosa 1088/2009 PONT]: Domingo Paramos, Fernando Rubio Estévez, Manuel Pérez Besada, Manuel Piñeiro Zúñiga, Hipólito Gallego e Francisco Otero. Aos catro primeiros leváronos, sen permiso das familias, ao Val dos Caídos onde aínda permanecen. Un catro de outubro difícil de esquecer para Antón Alonso Ríos porque perdeu varios compañeiros de loitas e fatigas. 


Moncho Leal como Afranio do Amaral
Foto: Helena Pousa
Moncho Leal con traxe, como Antón Alonso Ríos e o resto do grupo de teatro (Víctor, Julián e Carlos)
Foto: Helena Pousa

 O novo itinerario do Sr. Afranio, que foi preparado coa axuda inestimable de Xilberte Manso, do IEM, foi trazado cunha dupla finalidade. Por unha parte coñecer unha parte da esgrevia Serra da Groba, coas súas singularidades paisaxísticas, as regueiras, as características xeolóxicas, as minas, ao tempo que as súas pegadas históricas nas mámoas, na toponimia, ou nos marcos dos lindes entre as parroquias… E, por outra, dramatizar a fuxida de Alonso Ríos cunha posta en escena e un guión elaborado por Julián Castro, baseada na autobiografía do deputado agrarista (O Señor Afranio, ou como me rispei das gadoupas de morte). Moncho Leal encarna xa por terceira vez e con grande mestría o papel de Alonso Ríos. Desta vez, ía caracterizado como o esmolante Afranio do Amaral, que ía explicándolles aos camiñantes inscritos no roteiro como tivo que enfrontarse a serios perigos na súa fuxida por estes lugares para conseguir ocultarse dos falanxistas de Tui, que andaban coma cans danados na súa busca, e ofrecían 50.000 ptas. pola súa cabeza. Tamén fuxía doutros, especialmente da xente covarde coma o labrego que lle guindou unha aixada para escorrentalo, ou do pedáneo interesado en cazalo coa súa espingarda para poder cobrar a recompensa. En fin, ao longo deste interesante percurso, Afranio foinos relatando como tivo que resistir coa axuda de xente boa e xenerosa durante moito tempo ata que puido cruzar a Portugal e de alí a Casabranca e, finalmente, a Buenos Aires. 


 Camiño percorrido pola serra da Groba

 A Comisión organiza roteiros para todo tipo de persoas, sen moitas dificultades, e cun bo xantar como remate, sempre coa finalidade de contar a Historia ao vivo, de facer Memoria doutra maneira, e ao mesmo tempo animar a ler con máis vagar a obra de Antón Alonso Ríos para descubrir todos os pequenos detalles, as peripecias polas que pasou, as enormes dificultades, a súa sabedoría. Unha obra fundamental para coñecer a vida deste mestre represaliado.  Con este terceiro roteiro pola zona do Baixo Miño imos debullando aos poucos a historia do importantísimo deputado agrarista e presidente do Consello de Galiza, que defendía a II República desde o exilio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario