A Deputación incorpora á exposición permanente do Museo de Pontevedra “Pastoral” de Francisco Lloréns, cedida polo Prado
• Trátase dun óleo sobre lenzo de grandes dimensións datado en 1908, que se instalou na sala 1 da 2ª planta do Edificio Castelao, na que tamén se incorporaron tres retratos de Jenaro Carrero
Infogauda / Pontevedra
A Deputación acaba de incorporar á exposición permanente do Museo de Pontevedra o cadro “Pastoral”, de Francisco Lloréns (1874-1948), que chega depositado polo Museo Nacional do Prado dentro do seu programa “Prado estendido”. Trátase dun óleo sobre lenzo de 3,8 metros de ancho por 2,3 metros de alto, que se poderá ver na sala 1 da 2ª planta do Edificio Castelao.
O cadro foi instalado esta mesma mañá na súa nova localización, na que compartirá espazo con outras obras de Lloréns e doutros contemporáneos del como Fernando Álvarez de Sotomayor, Ovidio Murguía, Germán Taibo e Jenaro Carrero. Deste último autor, un dos representantes da Xeración Doente, incorpóranse tamén á sala tres retratos: “Anciá con neno no colo”, “Retrato de Josefa González, esposa do pintor” e “Retrato da curmá do pintor”.
A reorganización das obras expostas nesta sala vén motivada pola saída de cinco pinturas de Sotomayor para a exposición “Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960)”, que se inaugura este venres 10 de outubro na sede da Fundación Barrié na Coruña, con Javier Barón, xefe da colección de pintura do século XIX no Prado, como comisario. Son “Festa galega”, “O Berbés”, “Vendedora de froitas”, “Bosquexo para un retrato de Afonso XIII” e “Retrato de Francisco Javier Sánchez Cantón”.
Mestre da paisaxe
Datada en 1908, “Pastoral” é unha obra especialmente representativa da produción inicial de Francisco Lloréns, figura de referencia no rexionalismo como máximo representante da escola galega da paisaxe. Nela introduce unha escena bucólica en primeiro plano, sobre unha paisaxe mariña que nas seguintes décadas sería protagonista indiscutible de boa parte da súa obra. Con este cadro de gran formato obtivo a segunda medalla na Exposición Nacional de 1908. Realizouno pouco despois de rematar a súa fundamental estadía como bolseiro na Academia de España en Roma.
Lloréns ocupa un lugar salientable na historia da pintura galega como responsable de culminar a identificación de Galicia coa súa paisaxe, un proceso que se iniciara coa literatura de Rosalía de Castro. O pintor coruñés logra unha visión sintética e estilizada da paisaxe, na que captura a luz bretemosa da costa atlántica recorrendo á distancia para matizar a intensidade dos verdes. Unha visión poética e nostálxica, que foxe do anecdótico, e que se pode ver tamén noutras obras do mesmo autor expostas nesta sala, como “Paisaxe das Mariñas” (1927) e “Praia de Sada” (1940).
Ningún comentario:
Publicar un comentario