A CIG faise cos cinco representantes do comité de empresa de Alén Space, en Nigrán
• A compañía do sector de Consultorías, nacida como un spin-off na Universidade de Vigo, desenvolve, fabrica e opera pequenos satélites
Infogauda / Nigrán
A CIG-TIC conseguiu os cinco representantes sindicais nas eleccións celebradas hoxe en Alén Space, empresa radicada no Edificio Tecnolóxico Aeroespacial de Nigrán. A compañía, nacida como un spin-off na Universidade de Vigo, está encadrada no sector de Consultorías e desenvolve, fabrica e opera pequenos satélites.
Este resultado súmase ao colleitado en outras convocatorias electorais, polo que a CIG segue revalidando a súa ampla maioría no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), nas que a central é maioritaria en delegados e delegadas no conxunto do país, superando en máis dun 50% a seguinte forza sindical e practicamente dobrando á terceira.
Co aval da evidente maioría do sindicalismo nacionalista na representatividade do sector, desde a CIG-TIC amosan o seu firme compromiso por seguir pulando por un marco galego de relacións laborais, que neste caso pasa irremediablemente pola reapertura da mesa negociadora das TIC, que se constituíu en xuño de 2018 e segue sen reabrirse polo Consello Galego de Relacións Laborais; polo que, desde a central sindical, anuncian que pedirán unha reunión coa súa presidenta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario