7 de out. de 2025

O ROSAL

O Rosal énchese de tradición, música e patrimonio nas Festas do Outono do Pilar    

 O concello celebrará os días 11 e 12 de outubro estas tradicionais festas cunha ampla programación para todos os públicos  


A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, na presentación da programación das tradicionais Festas do Outono do Pilar
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Rosal prepárase para vivir unha fin de semana chea de cultura, tradición e identidade. As rúas rosaleiras converteranse esta fin de semana nun gran escenario de festa e encontro coa celebración das tradicionais Festas do Outono do Pilar, unha cita xa emblemática que combina música, produtos locais, patrimonio e diversión para todas as idades. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que “O Rosal é unha vila que sabe celebrar o seu pasado e facelo presente a través da cultura, da música e da participación de todo o noso tecido asociativo e da veciñanza. Estas festas son unha mostra de como a identidade rosaleira se constrúe co esforzo e o orgullo compartido”. 

 O forte da programación comezará o sábado 11 ás 22.00 horas coa actuación da recoñecida percusionista e folclorista castelá Vanesa Muela, acompañada polo grupo galego de percusionistas Odaiko, nun concerto que promete ser unha viaxe vibrante polas raíces da música popular. Xa o domingo 12, Muela impartirá unha clase maxistral de instrumentos de cociña nas Eiras, organizada polas pandereteiras Tremelique, nunha proposta tan orixinal como participativa. 

 O domingo comezarán os actos ás 11.00 h coa apertura da IV Feira de Produtos do Rosal, un espazo para descubrir e degustar os sabores locais. Ás 12.00 h celebrarase a misa solemne coa participación do Coro e da Banda da Agrupación Musical do Rosal, seguida dunha sesión vermú a cargo de The Billy Riders. 

 Pola tarde, ás 17.00 horas, o público poderá gozar coa tradicional Demostración do Traballo dos Cabaqueiros, precedida polo pregón de Manuel Lara Coira, presidente da Asociación Galega do Patrimonio Industrial Buxa. A festa continuará ás 18.30 h cos “Sorrisos Máxicos” do Mago Paco, un espectáculo para facer rir e sorprender aos máis pequenos e pequenas nos xardíns da parte traseira do Concello. 

 Como broche de ouro, ás 19.30 h terá lugar o V Memorial Irmáns Flores, o xa consolidado encontro de murgas, formacións musicais onde os instrumentos tradicionais como gaitas e bombos  son acompañados  de clarinetes, saxos, acordeón ou outros. Este encontro, un referente a nivel galego organizado pola Asociación de Gaiteiros da Xistra, contará este ano coa presenza de Airiños do Cereixo (O Rosal), Traspés (Vigo) e Alvariza (Teo), tres formacións que farán vibrar o público ao ritmo da música tradicional galega. 

 Durante estas datas tamén se poderá visitar na sala de exposicións do Concello a mostra “Patrimonio Inmaterial do Río Miño”, organizada pola AECT Río Minho, aberta en horario de mañá ata o 26 de outubro. 

As Xornadas do Patrimonio: un espazo para coñecer e valorar o noso legado 

 As Festas do Outono do Pilar compleméntanse un ano máis cunha nova edición das Xornadas do Patrimonio, unha serie de actividades de balde para todos os públicos coas que o Concello busca dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio rosaleiro tanto material como inmaterial.  Nesta ocasión as xornadas incluirán tres interesantes charlas que comezarán este sábado 11 coa conferencia do pregoeiro das Festas do Outono do Pilar, Manuel Lara Coira sobre as instalacións industriais en Galicia e a súa importancia como patrimonio cultural tomando como exemplo patrimonio industrial rosaleiro. Ademais, tras a charla presentarase o libro de Justino Fernández Negral ‘Tierra y fuego en la ría del Ferrol’, un volume que aborda a industria asociada á arxila e a súa vinculación do Rosal coa ría ferrolá con referencia concreta ao rosaleiro Manuel Arzúa e á súa familia. A partir das 11.30 h no Centro Social Polivalente.  

 Este espazo de reflexión e aprendizaxe sobre a historia local e a importancia de preservar a memoria colectiva continuará o próximo mes. O venres 7 de novembro, ás 20.00 h, a historiadora da arte, xestora cultural e investigadora Noa Rodríguez Rodríguez falará sobre a orixe e xenealoxías artísticas do retablo barroco de Santa Mariña do Rosal cunha charla na propia igrexa. 

 Xa o venres 28 de novembro, a partir das 20.00 h, no Centro Social Polivalente, o catedrático, membro da Real Academia Galega e do Padroado do Museo do Pobo Galego, Francisco Fernández Rei, abordará a vida e a fala do Rosal hai 40 anos nunha interesantísima charla. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario