11 de out. de 2025

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

INAUGURADA A EXPOSICIÓN “AS PORTAS DO HORROR. O CAMPO DE CONCENTRACIÓN DE CAMPOSANCOS”

  Permanecerá aberta ata o dia 26 de outubro, con horario de 11 a 13 e de 19 a 21, na Casa de Montes de Camposancos


Momentos nos que José Manuel Domínguez Freitas, presidente da ARMH do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás, se dirixía ás persoas que asistiron á inauguración da exposición “As portas do horror. O Campo de Concentración de Camposancos


Bárbara Domínguez González / Camposancos

 Este pasado venres, con gran afluencia de público, inaugurouse a exposición “As portas do horror. O Campo de Concentración de Camposancos”. Está subvencionada pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática e organizada pola ARMH do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás. Permanecerá aberta ata o dia 26 de outubro, con horario de 11 a 13 e de 19 a 21, na Casa de Montes de Camposancos. 

 Antes de pasar ó local onde se ubica a exposición, o presidente da asociación dirixiu unas palabras ás persoas asistentes. Agradeceu primeiro a tan masiva participación na inauguración, algo que fai que nos sintamos aínda cunha maior responsabilidade”. En segundo lugar, mostrou a súa gratitude a Secretaría de Estado pola subvención concedida para facer a exposición e a Comunidade de Montes de Camposancos por facilitar o local para instalala.  

 É unha exposición - afirmou - pensada para que poida interesarlle a todo o mundo: o alumnado da ESO, as persoas maiores, para quen teña unha formación académica, por que ten rigor histórico e, para quen por avatares da vida, teña menos formación, porque é amena”.


Vista parcial da exposición, instalada na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos, e unha representación do público que asistiu ao acto inaugural


 

 A continuación, desvelou os tres apartados dos que consta a exposición: vídeo, paneis e audioguías, engadindo que non ía dicir nada máis porque o público estaba a cinco minutos de poder ver e opinar sobre a mesma. 

 Por último fixo unha petición: “Se vós gusta contádello as persoas da vosa contorna, porque esa é a mellor propaganda”. Engadiu que se trata dunha exposición itinerante e facilmente trasladable: “iremos a onde se nos pida”. 

 Escusou ao Subdelegado do Goberno, que non puidera estar presente e deu lectura a unhas palabras súas, nas que destacou: “Hay un capítulo en la historia de Camposancos que hay que leer y recordar. Esta exposición es buena muestra de ello”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario