7 de out. de 2025

VIGO

Centos de delegados e delegadas da CIG bótanse á rúa nas sete cidades por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade 

 A central celebrou asembleas e mobilizacións nas sedes da Xunta no marco da campaña para demandar medidas urxentes nos Orzamentos de 2026 


Mobilización de delegadas/os da CIG, na mañá deste martes, polas rúas da cidade de Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A CIG encetou esta mañá a campaña ‘Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade’ para demandar medidas urxentes ante a grave situación que atravesa o país e a clase traballadora que sexan recollidas nos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2026. Centos de delegados e delegadas sindicais participaron nas asembleas comarcais celebradas nas sete cidades e nas mobilizacións desenvolvidas nas distintas sedes do Goberno autonómico. No marco desta campaña a central ten convocada tamén unha manifestación nacional en Compostela o vindeiro 10 de decembro.  

 Durante as asembleas abordouse tamén a xornada de paro xeral de catro horas por quenda de traballo promovida pola CIG o próximo mércores día 15 para reclamar a fin do xenocidio e da ocupación ilegal de Palestina, demandar o cese de toda relación diplomática, económica e militar co Estado sionista de Israel e defender o dereito de autodeterminación do pobo palestino ‘dende o río até o mar’. E fíxose un chamamento a visibilizar o rexeitamento da clase traballadora ao xenocidio participando nas mobilizacións que terán lugar ese mesmo día pola mañá diante dos centros de traballo e pola tarde nas cidades e nas vilas.  

 Xa no que ten coa ver campaña posta en marcha hoxe baixo lema ‘Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na asemblea de Vigo e na manifestación posterior polas rúas da cidade, fixo fincapé en que a gravidade da situación actual situación económica e de perda de dereitos laborais é consecuencia das políticas “letais” para a sociedade galega que o Goberno do PP na Xunta está a aplicar, “poñendo todo o público a disposición do negocio e da rendibilidade do capital e dos fondos de investimento, impoñendo un modelo de turismo desordenado e descontrolado e a eucaliptización do país, mentres agonizan importantes sectores produtivos e se afonda nun modelo que consolida a histórica xeración de graves desequilibrios territoriais, sociais e ambientais”.   

  Por iso, explicou que a campaña pivota sobre seis grandes actuacións urxentes: a aprobación dun Plan galego de creación de traballo digno e industrialización, facendo real unha transición enerxética xusta. Unha verdadeira política industrial pública que complete os ciclos produtivos no propio país; coa creación dun Banco Público Galego e cunha aposta decidida por un traballo digno e con dereitos, garantindo ademais na FP dual e nos contratos formativos a obriga de contrato laboral e unha retribución polo tempo de traballo, que será do 100% da fixada no convenio correspondente.  

 A recuperación, ampliación e fortalecemento dos servizos públicos, que priorice o benestar colectivo fronte aos intereses do capital, nomeadamente a sanidade e o ensino públicos. Isto xunto á exixencia de que a Xunta de Galiza non subscriba Convenio coas Mutuas para a xestión de determinadas patoloxías, porque favorece a descapitalización do público en favor das empresas privadas. Un sistema público galego de servizos de atención ás persoas e a creación dun parque de vivendas dignas públicas e dun Banco Galego de vivenda para alugueiro social, xunto coa prohibición dos desafiuzamentos.  

 Un Plan Galego de Igualdade que rache coa actual dinámica do Goberno da Xunta, no que teñen que participar, na súa elaboración, todos os axentes sociais e políticos, garantindo o investimento público e a dotación de persoal necesaria para atender a problemática da violencia contra as mulleres, comezando por darlle o peso político que merece.  

 A CIG reclama, ademais, a apertura dun proceso que supere o actual Estatuto de Autonomía para que se recoñezan os dereitos nacionais de Galiza, porque “temos dereito a un desenvolvemento galego propio, a decidir sobre o noso modelo económico e social, dispor dun marco galego de relacións laborais”. Por iso, o Parlamento galego “debe ter plenas competencias e de xestión en todas as materias e áreas”. Isto ademais da necesidade de dispoñer dun sistema de financiamento propio, “cun réxime de concerto económico” co Estado e dunha “profunda e xusta reforma fiscal”.  

 Finalmente, Carril denunciou o “seguidismo cego” do presidente da Xunta ás estratexias electoralistas de Feijóo e ultradereitistas de Madrid e a un proxecto de explotación colonial que mantén a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español, negándose a tomar ningunha medida que permita un desenvolvemento galego propio co que frear o aumento do empobrecemento e as desigualdades das clases populares, ou a desertización social e industrial de moitas comarcas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario