A Deputación presenta as xornadas educativas “O oficio de producir” para divulgar a realidade do sector audiovisual galego en seis centros de ensino da provincia
• A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), chegará ao alumnado de Gondomar, A Guarda, Meaño, Mondariz-Balneario, Poio e O Porriño
Foto: J. Philippot
Infogauda / Pontevedra
O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, presentou este martes no Pazo provincial as xornadas educativas “O oficio de producir”, desenvolvidas en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) para achegar ao alumnado de seis centros educativos da provincia a realidade do sector audiovisual galego. A iniciativa chegará as próximas semanas ao alumnado de Gondomar, A Guarda, Meaño, Mondariz-Balneario, Poio e O Porriño da man de sete profesionais do sector. Na presentación tamén participaron a xerente de AGAPI, Uxía Caride, o produtor Simone Saibene e representantes municipais dos concellos participantes.
Jorge Cubela sinalou que nas xornadas se mostrarán “tanto longametraxes de ficción coma curtametraxes, documentais, programas e outros recursos audiovisuais creados en Galicia desde unha óptica pedagóxica” co obxectivo de ensinarlle á rapazada da provincia “como o audiovisual pode ser unha ferramenta moi útil para transmitir valores, a historia, a xeografía e mesmo a lingua galega”. O deputado de Cultura sinalou que “o audiovisual galego é un universo moi rico e en expansión, ademais, tanto en cantidade como en calidade; de feito, así se está a recoñecer en todo o mundo”. A vontade da Deputación, explicou Cubela, “é apoiar o tecido asociativo e contribuír á difusión e profesionalización da industria para que poidamos ser un auténtico plató de cinema grazas á exposición tan brillante que está tendo o sector”.
As xornadas (a falta de concretar as últimas datas) comezarán o 15 de outubro no CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López, no Porriño, con Alba Prol (directora do documental “O gran Camiño” e produtora executiva na empresa Meteórica), e no CEIP Mondariz-Balneario con Simone Saibene (fundador da produtora independente Noveolas, ademais de docente e crítico cinematográfico). O día seguinte, o 16 de outubro, continuarán no CEIP Plurilingüe de Chancelas, en Poio, con Dani Froiz (responsable da produción executiva en Matrioska Producións), e retomaranse o 20 de outubro no COR Padres Somascos, na Guarda, con Mercedes García-Nieto e Mónica Hidalgo (fundadoras de M International Audiovisual).
As xornadas continuarán no CEIP Plurilingüe Chano Piñeiro, en Gondomar, e no CEIP Coirón-Dena, en Meaño, coa participación de Gael Herrera (produtora executiva en Tamboura Films) e Álvaro P. Becerra (produtor de contidos audiovisuais, escénicos e eventos e cofundador de Ainé e Undodez).
As xornadas “O oficio de producir” afondan na aposta do goberno provincial polo impulso do audiovisual galego, con iniciativas e programas como a liña de patrocinios Rías Baixas Acción (dotada dun 61% máis de recursos este ano, chegando aos 170.000 euros), o Ciclo Mestre Mateo, os Premios María Luz Morales ou o desembarco dos Premios Mestre Mateo na provincia, coa gala celebrada en Lalín. Ademais, A Deputación ten en marcha o circuíto Rías Baixas Film Fest, os premios Mulleres No Foco (en colaboración con CIMA), que se entregarán o próximo venres 17 na sede de Afundación en Pontevedra en recoñecemento ás mulleres do sector, ou liñas de apoio a festivais audiovisual de pequeno e medio formato.
Ningún comentario:
Publicar un comentario