O persoal de Correos do Porriño mobilízase ante a saturación do servizo por falta de efectivos
• Denuncian a eliminación de 3 prazas e a non cobertura de baixas e vacacións
Infogauda / O Porriño
O persoal da Unidade de Reparto de Correos no Porriño mobilizouse este mediodía diante do Concello para denunciar a sobrecarga de traballo que padece tras a reestruturación da oficina coa eliminación de tres prazas, o que está a provocar acumulación de milleiros de envíos e de notificacións sen entregar.
Dende a CIG-Correos denuncian que a situación empeorou durante o pasado verán, xa que a dirección da empresa pública non cubriu nin as vacacións nin baixas de varias persoas traballadoras, tendo que asumir o resto do persoal as súas funcións, polo que se están a disparar os problemas de saúde laboral derivados de situacións de estrés e mesmo de ansiedade.
A intención da central sindical é que as mobilizacións se desenvolvan ao igual que hoxe coincidindo coa pausa do bocadillo (de 13:40 a 14:00 horas) unha vez á semana até que a compañía atenda as súas demandas e dote a Unidade de Reparto do Porriño do persoal necesario. A vindeira protesta está fixada para o venres 17 de outubro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario