Goián soa ao soul e funk da estadounidense Martha High no primeiro paso da ‘Vila da Música’
• A lendaria cantante, corista de James Brown durante máis de tres décadas, ofrecerá un concerto este venres 31 (23.00 h) na Cantina do Centro Goianés
• Forma parte do pioneiro proxecto posto en marcha polo Concello en colaboración co músico Julián Maeso, Centro Goianés e Agrupación Musical de Goián
Infogauda / Tomiño
O alma do soul e do funk chega a Tomiño. A inconfundible voz de Martha High, unha das grandes damas da música negra estadounidense, encherá de ritmo e emoción a Cantina do Centro Goianés este venres 31 de outubro ás 23.00 horas. Un concerto que marcará o inicio oficial do proxecto “Vila da Música”, unha iniciativa estratéxica coa que o Concello de Tomiño aliouse co músico Julián Maeso, coa Agrupación Musical de Goián e co Centro Goianés, para transformar Goián nun punto de encontro para artistas, formacións e público, creando sinerxías arredor da música como motor cultural e social.
Martha High, voz poderosa e chea de historia, foi durante máis de trinta anos corista e compañeira de xira de James Brown, o “Padrino do Soul”, ademais de colaborar con lendas como Maceo Parker, Little Richard ou Stevie Wonder. A súa carreira, cunha ducia de álbums en solitario, converteuna nunha das figuras máis respectadas do soul clásico.
A artista ven da man do recoñecido Julián Maeso, músico e compositor español cunha traxectoria marcada pola súa versatilidade ao órgano Hammond e ao piano, e pola súa participación en proxectos de referencia como The Sunday Drivers, Speaklow ou The Sweet Vandals. Maeso aposta por facer de Goián un laboratorio musical onde convivan talento local e artistas de proxección internacional.
As entradas terán un custe de 15€/12€ para socios e xa están dispoñibles na plataforma mutick.com ou en taquilla.

Ningún comentario:
Publicar un comentario