Amodiño por Tomiño para unhas rúas máis seguras
• Voces Novas e alumnado do CEP Pedro Caselles Beltrán realizaron unha acción simbólica para visibilizar que as estradas das parroquias tamén son para que as persoas poidan moverse con seguridade e sen medo
Infogauda / Tomiño
Mans e pancartas en alto para pedir que se vaia amodiño por Tomiño. O alumnado de 5º e 6º de primaria do CEP Pedro Caselles Beltrán e integrantes do grupo de participación infantil e xuvenil Voces Novas saíron ás rúas para pedir ás e aos maiores que levanten o pé do acelerador e vaian máis de vagar e concienciar á veciñanza de que as rúas e estradas das parroquias tamén son para que as persoas poidan moverse a pé ou en bicicleta con seguridade e sen medo, especialmente os nenos e nenas.
Aproveitando o bulir día de mercado na praza do Seixo, a rapazada percorreu as rúas desde o parque Campo da Feira ata o centro urbano, repartindo pegatinas e bolsas de man entre a veciñanza e lembrando a importancia de reducir a velocidade non só en zonas peonís compartidas cos vehículos, senón tamén en todas as vías públicas. Como explicaban mentres facían os seus cánticos e repartían mensaxes de concienciación, “pequenos xestos como frear a tempo ou ir un pouco máis amodiño poden salvar vidas”.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, estivo coa rapazada na praza do Seixo e destacou o valor simbólico e educativo desta iniciativa. “As rúas son para camiñar e en lugares como as parroquias todos os espazos e estradas tamén teñen que ser para as persoas, non só para circular. Os nosos nenos e nenas teñen dereito a ir a pé ou en bicicleta polas súas rúa sen medo”, recalcou.
Pola súa banda, o concelleiro de Mocidade, Agustín González, puxo en valor o compromiso e a creatividade da mocidade tomiñesa. “Esta acción non é un feito illado. É parte dun traballo continuado que imos seguir impulsando con novas accións e propostas para facer de Tomiño un referente en mobilidade segura e participación infantil e xuvenil”, subliñou.
Con esta campaña, nacida a iniciativa de Voces Novas, o Concello de Tomiño reafirma o seu compromiso coa seguridade viaria, a mobilidade sostible e o dereito das nenas e nenos a moverse libremente e sen medo polo seu concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario