Tomiño esixe melloras urxentes no transporte público de viaxeiros
• O Concello aprobou en pleno reclamar á Xunta un servizo digno e seguro con novas liñas, horarios fiables e percorridos optimizados e adaptados ás necesidades da veciñanza
Infogauda / Tomiño
Tomiño leva anos sufrindo as carencias do transporte público, unha infraestrutura esencial para garantir a mobilidade da veciñanza. Unha situación que se veu agravada como cada ano tras o regreso á rutina escolar e laboral e ante a que o Concello tomiñés quere tomar medidas. Cos votos a favor de BNG e PSOE e a abstención do PP, o pleno aprobou esixir á Xunta de Galicia accións inmediatas e urxentes para garantir un servizo de autobuses digno, seguro e eficaz.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou a importancia de que a mobilidade non siga condicionando a vida diaria da veciñanza. “Os horarios incumpridos, a saturación de autobuses e os percorridos excesivos non poden ser norma en Tomiño. É fundamental que cada persoa poida desprazarse con autonomía, sen depender do vehículo privado e sen que se vexa limitada no seu acceso á educación, ao emprego ou á sanidade. A moción aprobada marca un camiño claro para esixir melloras inmediatas á Xunta de Galicia”, recalcou.
Unha situación que é especialmente alarmante no caso do alumnado tomiñés, xa que a rapazada de Secundaria e Bacharelato non chegan con regularidade ás clases polo mal funcionamento do transporte público, con atrasos reiterados, ausencias inxustificadas e unha enorme presión para as familias que moitas veces non dispoñen de alternativas para o desprazamento ata os centros educativos. Un problema que afecta tamén de xeito importante ás e aos traballadores que deben desprazarse cara a Vigo, aos centros educativos de formación superior, ao campus universitario de Vigo ou aos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, xa que a redución da oferta en franxas horarios clave como a primeira hora da mañá ou ao mediodía lles afecta gravemente.
Por este motivo, Tomiño instará á Xunta a revisar e mellorar as frecuencias nos horarios críticos, garantindo que alumnado e persoas traballadoras poidan desprazarse a tempo; garantir capacidade suficiente nos autobuses para evitar saturación e asegurar non só a comodidade senón tamén a seguridade; a optimización dos tempos de percorrido, adaptando liñas e mellorando a eficiencia do servizo e a implantación de novas liñas directas e aumento de frecuencias cara ao CUVI e aos hospitais, garantindo cobertura efectiva en toda a comarca.
A moción cobra especial relevancia tras a recente rescisión de cinco concesións de autobús no sur de Pontevedra, entre elas as liñas XG859 (Tui) e XG883 (Comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo), o que evidencia a necesidade de acción inmediata por parte da Xunta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario