7 de out. de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación convoca unha nova edición de Novos Valores para que dous artistas emerxentes da provincia realicen estadías en Madrid e Bruxelas 

Con bolsas económicas de 9.500 € cada unha, os creadores escollidos farán en 2026 residencias de catro semanas na Fondation Walter & Nicole Leblanc da capital belga e de tres meses no Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid


Museo de Pontevedra
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, convoca unha nova edición do programa de residencias artísticas Novos Valores, de novo en colaboración coa Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas e co Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid. A convocatoria, que se publicou no Boletín Oficial da Provincia, permitirá que dous creadores emerxentes da provincia realicen o ano que vén residencias artísticas neses centros, co obxectivo de crear obras que se exhibirán na próxima edición da Bienal de Pontevedra, que terá lugar no verán de 2027.  

 Esta será a segunda edición na que Novos Valores, que naceu como certame de artes plásticas, terá o formato de programa de residencias artísticas internacionais. Tanto a Deputación como as outras dúas entidades participantes valoraron moi satisfactoriamente a experiencia deste ano 2025, na que Carlos Fer e Andrea Davila Rubio realizaron estadías en Bruxelas e Madrid das que naceron os dous proxectos cos que participaron na Bienal de Pontevedra, que pechou as súas portas a semana pasada. “Exercicios para colgar unha pintura”  de Carlos Fer e “El cuerpo es tierra que se convierte en jardín al contacto con el agua” de Andrea Davila exhibíronse na sala Manuel Moldes da Facultade de Belas Artes.  A convocatoria de Novos Valores para 2026 concederá dúas axudas destinadas a promover a creación artística contemporánea en vivo. As persoas seleccionadas gozarán dunha residencia de catro semanas entre os meses de febreiro e abril na Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas, e tres meses en Matadero Madrid, entre abril e xullo. A convocatoria está dirixida a creadores, investigadores ou comisarios nados ou residentes na provincia de Pontevedra, cun nivel de inglés ou francés alto.  

 As persoas solicitantes deberán presentar un proxecto artístico de creación específico, orixinal e inédito, de calquera modalidade de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo, entre outros. O proxecto deberá executarse durante o período das residencias e o resultado amosarase publicamente na próxima edición da Bienal de Pontevedra, que terá lugar no verán de 2027. 

 Para desenvolver estas residencias, as persoas seleccionadas recibirán unha bolsa de 9.500 € cada unha.  Para poder executar estas novas residencias artísticas, a Deputación asinou un convenio de colaboración con Madrid Destino, Cultura, Turismo y Negocio SA para a realización das residencias artísticas no Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid, e coa Fondation Walter & Nicole Leblanc para a parte das residencias que ten lugar en Bruxelas. Estas entidades facilitan os espazos nos que se desenvolverán as residencias, mentres que a Deputación de Pontevedra aporta 19.000 € e asumirá os custos relativos ao transporte das obras, unha vez rematada a residencia.  

 A institución provincial pretende con esta iniciativa seguir apoiando a creación artística, así como dar visibilidade a proxectos artísticos contemporáneos, impulsar a formación e a promoción da arte, e contribuír ao establecemento de redes creativas e colaborativas na arte, o deseño e a ciencia, tanto desde a teoría como desde a práctica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario