9 de out. de 2025

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Preto de 200 persoas xuntáronse en Compostela para reflexionar e aprender sobre saúde mental e mocidade 

A Facultade de Psicoloxía acolleu un encontro no que se puxeron en común distintas experiencias de prevención e coidado da saúde mental na etapa adolescente, onde participou a psicóloga e divulgadora satírica, Lorena Gascón. 

As xornadas, organizadas por Saúde Mental FEAFES Galicia e a USC, celebráronse a propósito do Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemora o 10 de outubro. 


Conversatorio - Divulgación crítica da psicoloxía en redes sociais
 

Ana Escrigas Rodríguez / Santiago

 Saúde Mental FEAFES Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) uniron forzas para sensibilizar sobre a importancia do coidado da saúde mental entre as persoas mozas. Así, este mércores 8 de outubro, de 16:00 a 20:00, tivo lugar a xornada “Saúde Mental e Mocidade: coidar o presente para construír o futuro” no salón de actos da Facultade de Psicoloxía de Santiago. 

 O obxectivo deste encontro foi sensibilizar á sociedade sobre a importancia de coidar a saúde mental na etapa adolescente e xuvenil. Tamén difundiu e puxo en valor diversas accións en prol da saúde mental que se levan a cabo tanto a nivel científico como asistencial, do mesmo xeito que se promoveu a cultura da prevención comunitaria e a coordinación entre distintos axentes. 

 O evento tivo un carácter participativo, xa que tamén serviu de foro de intercambio e dinamización entre o estudantado universitario, familias e profesionais de diversos ámbitos, contando cunha participación de 180 asistentes. 

 As xornadas, que se realizaron coa colaboración da Consellería de Sanidade e do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, estiveron destinadas tanto ao estudantado universitario como ás súas familias, pero tamén a profesionais do ámbito da saúde, do eido psicosocial, comunitario e da educación. Así mesmo, asistiron persoas pertencentes a entidades de saúde mental e organizacións afíns. 

 Na inauguración interviron D. Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia; Dna. Mª José Sampedro Vizcaya, decana da Facultade de Psicoloxía de Santiago; Dna. Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia; e D. Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia.  

@lapsicologajaputa falou sobre a divulgación da saúde mental en redes sociais 

 A xornada contou cun conversatorio sobre a divulgación científica da psicoloxía onde a psicóloga, escritora e divulgadora Lorena Gascón (@lapsicologajaputa en redes), falou con Tamara Pazos (@putamen_t), tamén divulgadora e investigadora, sobre a responsabilidade e o compromiso que implica trasladar contido e información sobre saúde mental á xente moza. Conversaron sobre estilos de comunicación, boas e malas praxis na divulgación, o seu impacto, inquedanzas percibidas e, en definitiva, como empregar unha ferramenta como as redes sociais para facer chegar mensaxes de calado a unha poboación sobreexposta á información. 

Dúas mesas sobre promoción, prevención e coidado da saúde mental na mocidade 

 As xornadas continuaron con dúas mesas redondas onde se deron a coñecer diversas accións que favorecen o coidado da saúde mental entre as persoas mozas. Así, a primeira estivo centrada na prevención e a promoción da saúde mental entre a xuventude. Contou coa participación de Patricia Gómez Salgado, profesora da USC, que falou do impacto da tecnoloxía na saúde mental e no benestar emocional da adolescencia. Así mesmo, Almudena Díaz Pereira, subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do SERGAS, deu a coñecer a prevención escolar universal do suicidio a través do programa YAM. 


Mesa 1 - Promoción e prevención da saúde mental na mocidade
Mesa 2 - Coidados 360º da saúde mental na mocidade

 O evento continuou cunha segunda mesa sobre coidados 360º da saúde mental entre a mocidade. Yolanda Triñanes Pego, xefa do Servizo de Atención á Saúde Mental da Consellería de Sanidade, falou da avaliación e manexo clínico das autolesións na adolescencia. Pola súa banda, Ana López Durán explicou o traballo que realiza a Unidade de Atención Psicolóxica da USC, servizo que coordina. Álvaro Gómez Pérez, en representación da asociación DOA, contou a súa experiencia no programa de atención integral a persoas mozas con enfermidade mental e as súas familias. Finalmente, Natalia Ruiz de Cortázar, directora da asociación Experientia, explicou como desde esta asociación introduciuse a terapia a través da aventura, un formato pioneiro en España.

Ningún comentario:

Publicar un comentario