O Concello de Ponteareas expedienta o persoal do SAF en folga por supostos incumprimentos dos servizos mínimos
• A CIG denuncia que xa na reunión mantida o pasado venres o concelleiro de Economía e Facenda o responsábel municipal ameazou as traballadoras coa aplicación de sancións
Infogauda / Ponteareas
Até oito auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas recibiron a apertura de expedientes sancionadores por supostos incumprimentos dos servizos mínimos da folga indefinida que manteñen dende o pasado 26 de setembro ante os graves incumprimentos da concesionaria.
A CIG denuncia que xa na reunión mantida o pasado venres o concelleiro de Economía e Facenda o responsábel municipal ameazou as traballadoras coa aplicación de sancións. “O Goberno local non dubida en usar a represión e as sancións ás auxiliares para defender a empresa Óbolo”, censuran dende a central sindical, ao tempo que lembran que as propias empregadas lembraron que son profesionais responsábeis e que non deixaron unha soa persoa dependente con necesidades básicas e esenciais sen atención. “Ninguén coma elas coñece a situación das persoas usuarias do servizo, e saben perfectamente que son soporte da vida de algún veciño que vive só”. Neste senso, as traballadoras agradecen o apoio das familias que a pesar de non estar a contar coa súa atención pola folga “entenden a situación e teñen claro que se trata por unha causa xusta”.
A pesar disto a ameaza do concelleiro materializouse coa apertura de oito expedientes, polo que lamentan que “o Concello siga aliñado coa empresa” esta vez usando a represión, “en contra dos dereitos das súas veciñas”. A pesar de que se trata dunha compañía que acumula até oito faltas moi graves no cumprimento do contrato, que non aportou sequera o material necesario para o traballo, que vulnera a normativa laboral básica en rexistro, descansos, saúde laboral e que mesmo mantén débedas salariais coas traballadoras.
Por outra banda, as afectadas responsabilizan o Goberno local da dilatación dun conflito que debera estar solucionado dende hai meses coa inmediata rescisión do contrato. “As traballadoras non entenden a dobre vara de medir do Concello: contundente na apertura de expedientes contra as auxiliares e condescendente cunha empresa cuxos responsábeis nin pisaron Ponteareas dende que asumiron o servizo”.
E critican que tras 12 días de folga o Concello siga permitindo que a empresa non sente a negociar coas traballadoras e non presente a documentación que hai un mes tiña que presentar. “É incríbel que se lle sigan dando prazos para xustificarse e que o propio Goberno local, nun acto de dubidosa legalidade, estea a fornecer de material o servizo, que estea ofrecendo a entrega de teléfonos e móbiles por parte do concello e que puxera un técnico municipal a servizo da empresa para revisar as nóminas”.
Polo que consideran que estas actuacións “lévanos á conclusión de que o Concello de Ponteareas quere manter a toda costa este contrato en vigor, incluso vulnerando a lexislación en materia de contratación pública”. E sinalan que o fan porque saben que o prezo co que licitaron este ano o servizo (19,90 euros /hora) está moi por debaixo do prezo de mercado (as licitacións mínimas no 2025 están nos 23 euros).
“Non importa o que teñan que levar por diante, non importa a precariedade á que condenan as traballadoras dun servizo público nin o risco ao que están sometidas, a cuestión é o prezo. Así valora a vida das mulleres e o traballo de coidados o Goberno do PP”, critican.
Con todo, queren deixar moi claro que a determinación das traballadoras “é clara e contundente”: non van abandonar a folga namentres Óbolo non abandone o servizo. “Así o farán con todas e cada unha das empresas que veñan á contratación pública a facturar e a obter beneficios a conta da precariedade, do seu traballo e da súa saúde”, rematan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario