8 de out. de 2025

PONTEVEDRA

Luis López destaca na apertura de Edugal a aposta da Deputación coa xuventude, á que apoia cun investimento de 1,3M€ e accións como as primeiras axudas +Xuventude 

 O presidente provincial participa na inauguración da décimo cuarta edición dun salón que reúne en Pontevedra 64 expositores para orientar á xuventude na súa formación


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, co conselleiro de Educación, e outras representacións, na inauguración da décimo cuarta edición de Edugal

Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Pontevedra

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o compromiso do goberno provincial coa xuventude, á que atende cunha área específica dotada con 1,3 millóns de euros de orzamento para desenvolver iniciativas como o primeiro Plan Estratéxico para a Xuventude, prácticas laborais na Unión Europea ou a novidosa liña de subvencións do +Xuventude que apoia na súa primeira edición 22 iniciativas da mocidade en materia de benestar social, turismo, deporte ou sustentabilidade. Fíxoo na inauguración da décimo cuarta edición de Edugal, o salón da oferta de educación e formación de Galicia que organiza cada ano Aempe e que abriu este mércores as súas portas no Recinto Feiral de Pontevedra. “A Deputación de Pontevedra é unha administración que, ademais de ser a mellor amiga daquilo no que máis brilla a mocidade —como o deporte ou a arte— tamén ten políticas específicas pensadas para eles. Por iso aplaudimos e apoiamos iniciativas tan beneficiosas como este Salón de Edugal”, afirma o mandatario provincial.  

 Esta nova edición do Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia conta cun total de 64 expositores procedentes da provincia, do resto de Galicia e doutros territorios do país. Entre eles volve estar un ano máis a Escola Universitaria de Enfermería, dependente da Deputación. EDUGAL funciona como un punto de encontro de estudantes, profesores, pais e nais, responsables de centros educativos e profesionais da educación que este se celebra dos días 8 ao 10 de outubro no Recinto Feiral de Pontevedra. Os obxectivos esta feira son orientar ao estudante á hora de tomar unha decisión sobre o seu futuro profesional, ofrecer unha maior calidade na formación, agrupar a ampla oferta de centros formativos, empresas e entidades e apostar pola formación en Pontevedra e Galicia.  

 Neste acto inaugural, presidente da Deputación compartiu espazo co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, así como o presidente de Aempe, Jose María Corujo; a concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías; e o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa. Despois do corte inaugural da feira, da actuación musical do dúo de corda do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra e da quenda de intervencións, o mandatario provincial percorreu os distintos postos do salón para coñecer a oferta educativa tanto da provincia como doutros territorios.  

 “Edugal é, como di o lema da Deputación, unha ponte que guía ao alumnado desde os Centros de Educación Secundaria cara os Centros de Estudos Superiores; que orienta á mocidade cara un mercado laboral en constante transformación e especialización e que conduce cara un futuro que hoxe pode parecer unha folla en branco, pero que moi pronto vós, mozos e mozas da provincia, lle daredes contido co voso talento, coas vosas ideas e co voso traballo. Hoxe pode parecer un desafío inabarcable, pero para cruzar esa ponte non estades sos, contades tamén co máximo apoio de institucións como a Deputación de Pontevedra”, rematou o presidente Luis López, antes de agradecer e dar os parabéns a Aempe por esta iniciativa e desexar un “futuro feliz” á xuventude.

Ningún comentario:

Publicar un comentario