8 de out. de 2025

O PORRIÑO

O PSdeG-PSOE de O Porriño reclama a legalidade dun punto levado ao Pleno polo PP 

Ante a aportación dun documento a un expediente de expropiación dun camiño, coa sinatura dun falecido en data da mesma, os socialistas “non podíamos mirar cara outro lado” 


Grupo municipal do PSdeG-PSOE / O Porriño

 Nas pasadas comisións informativas, previas ao Pleno de setembro, o PP presentaba un punto para a expropiación dun camiño en Atios. 

 No citado expediente, consta un documento de 24 de febreiro de 2025 no que os grupos da oposición, advertimos da sinatura dunha persoa falecida o 31 de decembro do 2011, entre os titulares das parcelas asinantes. 

 Ambos grupos instamos a que ese punto fose retirado do Pleno, ate que se esclarecese o detectado. Pero sorprende que levasen o punto igualmente na orde da convocatoria, polo que os concelleiros socialistas rexistramos o día previo, xunto co documento que certifica o falecemento do asinante - que se trata do pai do concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto Oya - que se retirase do Pleno e que se aclarase este feito por parte do departamento de Urbanismo. 

 Durante a celebración do Pleno, acordouse retirar o punto, sen explicacións do acontecido; por iso os socialistas presentaron unha moción de urxencia de “Solicitude de revisión e suspensión do expediente de declaración de camiño público en Covelo–Atios”. O portavoz socialista, David Alonso, indica que “a inclusión da sinatura dun falecido podería constituír falsidade documental grave, unha presunta usurpación de estado civil e viciar de nulidade todo o procedemento”. 

 Nesta moción de urxencia do PSdeG-PSOE do Porriño, na que o PP votou en contra da urxencia, demandábamos: 

- Que se verificase a autenticidade e lexitimidade das sinaturas achegadas no expediente, requirindo certificación do Rexistro Civil cando proceda. 

- Que se suspendese a tramitación do expediente ate que se esclarezan os feitos. 

- Que se aperture investigación interna para determinar responsabilidades administrativas e políticas, incluíndo posibles incompatibilidades do concelleiro de Vías e Obras. 

- Que se dese traslado á Fiscalía de confirmase a posible existencia de falsidade documental e de usurpación de Estado Civil. 

 “O Partido Popular, como era de esperar, votou en contra destas medidas que poñen de manifesto as mañas corruptas de quen goberna no Concello, cun alcalde que nunca asiste ás Comisións Informativas a dar a cara”, rematan dende a bancada socialista

Ningún comentario:

Publicar un comentario