O Espazo Crianza abre de novo as súas portas para acompañar ás familias rosaleiras
• O Concello ofrece este servizo gratuíto de acompañamento na crianza para embarazadas e familias con bebés de 0 a 6 meses
Infogauda / O Rosal
O comezo da maternidade e paternidade é unha aventura que agora pode vivirse con máis seguridade e apoio no Rosal. O Concello abre de novo as portas do seu Espazo Crianza, un lugar de encontro pensado para ofrecer acompañamento, aprendizaxe e información ás mulleres embarazadas e ás familias con bebés de 0 a 6 meses.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou a relevancia desta iniciativa, “unha oportunidade única para vivir a crianza dun xeito respectuoso e consciente, nunha contorna de confianza e libre de xuízos. É unha canle de comunicación que ofrece ferramentas a nais e pais para enfrontar esta nova etapa da súa vida de maneira máis segura e satisfactoria”.
As sesións comezarán en outubro e abordarán diferentes temáticas a través de contidos teóricos e dinámicas prácticas adaptadas ás necesidades de cada participante. Entre elas, o grupo de ‘Acompañamento na xestación consciente’ axudará ás futuras nais a prepararse para un parto consciente, afondando nos cambios físicos e psicolóxicos do embarazo, así como nas posturas para aliviar a dor e nas técnicas de preparación para o parto e o postparto.
Pola súa banda, as sesións para familias con bebés centraranse en promover unha crianza respectuosa, ensinando ferramentas para comprender as necesidades dos pequenos e pequenas desde os primeiros días: cribados, hábitos hixiénicos, alimentación e estimulación para o seu desenvolvemento.
A concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, subliñou o valor social deste servizo: “O Espazo Crianza permite crear unha comunidade de apoio entre familias, reducindo a sensación de illamento que moitas veces acompaña a chegada dun bebé. Aquí as persoas participantes atopan asesoramento profesional, consellos prácticos e un espazo seguro para compartir experiencias e dúbidas”.
Unha vez pechada a inscrición, establecerase día e horario das sesións en consenso coas persoas participantes. Na web do Concello pode atoparse o formulario de inscrición que se debe encher para participar, que se poderá entregar por Rexistro ou por correo electrónico a educacionfamiliar@orosal.gal. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao 986 62 50 00.
Ningún comentario:
Publicar un comentario