9 de out. de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación expón no Pazo provincial o talento emerxente da provincia en banda deseñada 

 O deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, inaugurou a mostra composta por todos os traballos recoñecidos na categoría de banda deseñada nos Premios Provinciais á Xuventude entre os anos 2021 e 2024


O deputado de Xuventude e Reto Demográfico da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela - 1º pola esq. -, na inauguración da exposición
Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Pontevedra

 O deputado de Xuventude e Reto Demográfico da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, inaugurou este xoves no Pazo provincial unha exposición de banda deseñada que recolle todos os traballos gañadores nesta categoría dos Premios Provinciais á Xuventude entre os anos 2021 e 2024. A mostra, composta por 11 traballos de nove mozas e mozos da provincia, pódese visitar en horario ininterrompido de 9:00 a 20:00 horas de luns a venres na entrada do Pazo provincial ata o 31 de outubro.  

 Jorge Cubela sinalou que a exposición “celebra o talento xuvenil da nosa provincia” ao expoñer os traballos que acadaron recoñecemento “na categoría que máis medrou este ano se temos en conta o número de traballos que se presentaron na convocatoria anterior”. Deste xeito, tal como expuxo o deputado, “cun 100% máis de traballos presentados respecto ao ano pasado, temos que sentirnos orgullosos do cada vez maior impacto e asentamento que teñen estes premios no territorio”. As bandas deseñadas expostas versan sobre a soidade, a superación persoal, a memoria dos maiores ou a igualdade, ademais de narrar historias de terror e incluír xogos narrativos con diversas liñas temporais que se poden ler de forma simultánea ou illada.  

 O deputado de Xuventude e Reto Demográfico tamén asegurou que “estas once historias de nove artistas con maiúsculas amosan a enorme creatividade que temos entre a nosa mocidade”, e cualificou a exposición como “unha das máis singulares e especiais de todas as que levamos organizado neste espazo, porque reflexan o traballo destas persoas que, coa súa creatividade, están tratando de facerse un camiño”. O deputado aplaudiu o seu traballo e asegurou que os nove artistas son “un exemplo de talento e de emprendemento artístico”.  

 A exposición de banda deseñada está composta polos seguintes traballos: “Sós” e “E Marcos puxo o seu suadoiro vermello”, de Ánxel Carramal Fernández; “Un día ajetreado” e “¿Cómo he llegado hasta aquí?”, de Sabela Domínguez Costa; “Onde estás?”, de Lucía Rodríguez Cid; “Pereza”, de Icíar Paz Alonso; “O mergulllo dunha vida”, de Manuel Alejandro Vázquez Búa; “¡Ey! Que hoy vamos a montar a caballo”, de Andrés Chinchilla Argibay; “Vivir para volver”, de Denis Carballas Riveiro; “Liberación”, de Eva Pena Fandiño; e “A miña veciña”, de Enrique Rabadán Torres, elaboradas con técnicas como lapis queimado, acuarela e técnicas dixitais. A mostra dá continuidade á exposición de fotografía organizada o pasado ano no marco do encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, recollendo todos os traballos premiados nesa categoría ata o momento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario