A OMIX de Tomiño descobre os segredos dos cogomelos silvestres
• Organiza un curso de 30 horas teóricas e prácticas para aprender a identificar as especies máis comúns en Galicia
• Aberta na web municipal as inscricións para participar neste taller que comezará o 7 de novembro
Infogauda / Tomiño
O bosque convértese nunha aula aberta este outono en Tomiño. A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) pon en marcha un obradoiro de identificación de cogomelos, un curso de 30 horas que permitirá ás persoas participantes adquirir as competencias necesarias para distinguir as especies máis comúns en Galicia.
O taller comezará o venres 7 de novembro e ofrecerá a todas as persoas participantes sesións teóricas para sentar os conceptos básicos para o recoñecemento dos grupos e especies máis comúns. Estas clases completaranse con saídas guiadas polo campo e traballo na aula con cogomelos frescos para poder poñer en práctica todo o aprendido.
Con sesións teóricas e traballo de aula do obradoiro no Mercado de Tomiño e saídas pola contorna, o obradoiro realizarase os venres de 18.00 a 20.30 horas e os sábados de 09.30 a 14.30 horas.
As persoas maiores de 12 anos interesadas en participar poden xa inscribirse na web municipal. O obradoiro, que terá un prezo de inscrición de 20 euros, suporá unha oportunidade única para mergullarse na riqueza micolóxica da contorna tomiñesa e descubrir con seguridade e coñecemento os segredos do monte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario