A Deputación leva este domingo a Oia o programa provincial +Música cunha actuación de Festicultores Troupe
• O grupo actuará en Santa María de Oia ás 20:00 horas, no marco de +Música, o programa para colaborar cos concellos na súa programación cultural que este ano está dotado de 700.000 €, 100.000 € máis que no 2024
Infogauda / Oia
A Deputación de Pontevedra levará a Oia, este domingo, 28 de setembro, un concerto de Festicultores Troupe enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na parroquia de Santa María de Oia ás 20:00 horas.
Festicultores Troupe é unha banda con 17 anos de historia e máis de 800 actuacións ás súas costas por Portugal, Francia, Serbia ou Polonia, ademais de España, nas que tamén compartiron escenario con artistas como Manu Chao, Radio Bemba, Sound System, Muchachito ou Macaco. No seu mítico carro amplificado remolcado por un motocultor, a agrupación converte cada festival ou verbena na mellor pista de baile. Estes experimentados cultivadores de festas de Galicia volverán á carga en Oia coa súa mestura de humor, música e actuación, que non deixará indiferente a ninguén.
O concerto de Festicultores Troupe é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario