26 de set. de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación lanza o II Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes que contará coa participación de Ledicia Costas, Jorge Volpi, Laura Ferrero e Manuel Jabois 

  Rafa Domínguez adiantou que terá lugar os días 23 e 24 de outubro na zona acristalada do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra baixo o lema “Escribir o que non se di” 


Rafa Domínguez, vicepresidente provincial, nun momento da rolda de prensa
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 Tralo éxito da primeira edición, a Deputación de Pontevedra, a través do servizo de Xuventude, lanza o II Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes que, tal e como adiantou o vicepresidente provincial Rafa Domínguez, contará coa participación de Ledicia Costas, Jorge Volpi, Laura Ferrero e Manuel Jabois. Baixo o lema "Escribir o que non se di", o encontro terá lugar os días 23 e 24 de outubro na zona acristalada do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.  

 "Agardamos –manifestou o vicepresidente provincial- que esta segunda edición do encontro sirva de espazo de intercambio de experiencias, motivacións e consellos para a mocidade da provincia que ten vocación escritora". Neste eido, Domínguez explicou que a iniciativa naceu para "dar resposta ao crecente interese da mocidade pola creación literaria e artística, manifestado no incremento de solicitudes de participación na categoría de traballo literario nos Premios Provinciais á Xuventude" e que na súa primeira edición contou con figuras da talla de Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro e Arantza Portabales.  

 A segunda edición de Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes contará, ademais de con Ledicia Costas, Jorge Volpi, Laura Ferrero e Manuel Jabois, coas persoas galardoadas nos Premios Provinciais á Xuventude, con librarías, clubs de lectura, editoriais e amantes da lectura. Ademais, acompañarase o programa de actividades complementarias relacionadas coa musica e a banda deseñada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario