Folga indefinida no SAF de Ponteareas ante os graves incumprimentos laborais da empresa
• As traballadoras do servizo desenvolven mobilizacións de luns a venres diante do Concello para reclamar a rescisión do contrato con Óbolo
Infogauda / Ponteareas
O persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas comezou hoxe unha folga indefinida en reposta aos graves incumprimentos laborais da concesionaria. As traballadoras aproveitaron a xornada para desenvolver unha protesta ao mediodía tanto no exterior como no interior do consistorio, mobilizacións que manterán de luns a venres para reclamar a rescisión do contrato coa empresa Óbolo e que o servizo sexa asumido polo Concello.
Dende a CIG sinalan directamente a responsabilidade do Goberno local no que está a acontecer, xa que deixou o SAF en mans dunha compañía privada por 6,5 millóns de euros de cartos públicos “a cambio de escravizar as traballadoras para obter o máximo beneficio”. Boa mostra da gravidade da situación é que en cinco anos asumiron o servizo até catro empresas distintas: Clece, Samaín, Aralia e Óbolo.
“Neste tempo foi todo de mal en peor: levamos catro anos reclamando que se abonen as nóminas a tempo, que se paguen as horas traballadas e que se implementen medidas de prevención, ao tempo que esiximos contratos a tempo completo e que se garantan os descansos legais mínimos, tanto diarios como semanais; en definitiva, o que queremos é que se respecte a labor esencial que desenvolven estas traballadoras”, lembran dende a central sindical.
De feito, no último concurso a CIG advertiu que a licitación non garantía unhas condicións laborais dignas e que Óbolo acumulaba ducias de problemas por todo e Estado. “As afectadas berraron e suplicaron no pleno municipal que que non se vendesen os seus dereitos; pero, coma sempre, a opinión destas mulleres, que fan o seu traballo moitas veces a costa da súa saúde e que mesmo teñen que poñer o seu coche para prestar o servizo, non tivo valor algún; o Goberno do PP mirou para outro lado e aprobou o que sabiamos que ía levalas á miseria”.
Seis meses despois a realidade é que os responsábeis da empresa non visitaron sequera a localidade, o persoal segue sen rexistro de xornada, prodúcense atrasos no pago dos salarios e erros no cálculo das nóminas, non cotizan á Seguridade Social as pagas extra e os complementos e a empresa demora até 15 días en dar de alta ás traballadoras, que carecen dun plan de prevención de riscos e mesmo de luvas para desenvolver o seu traballo. Ademais, a empresa acumula atrasos no pagamento a provedores, o que pon en risco o normal funcionamento do servizo, sen que sequera se atendan as queixas das persoas usuarias nin respondan da súa xestión diante dos Servizos Sociais do Concello.
Denuncia na Inspección de Traballo
En consecuencia, a CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo e informou o Goberno local dos incumprimentos, sen obter resposta algunha. “Seguen a invisibilizar as traballadoras e a poñer os intereses dunha empresa de Huelva por riba dos da veciñanza de Ponteareas. É tal o desprezo da empresa e o do Concello que a pesar de que hai 10 días que rexistramos a convocatoria de folga nin se dignaron a recibirnos”.
Polo que insisten na necesidade de proceder á rescisión inmediata do contrato con Óbolo e que o Concello asuma xestión do servizo “para deixar de entregar cartos públicos a empresas piratas que facturan a cambio de nada, pero nesta loita precisamos o apoio e a solidariedade das persoas usuarias, das súas familias e do conxunto da veciñanza”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario