BALONMÁN FEMININO
O Guardés volve do parón recibindo ao Bera Bera polo liderado
• O Mecalia recibirá este venres, 26 de setembro, ás 20.00 horas, ao Bera Bera, líder co que está empatado a puntos
• O equipo miñoto buscará tirar da súa afección para lograr a fazaña e gañar esta batalla polo liderado ante as cámaras de Teledeporte
• De novo, Ana Seabra contará con tódalas xogadoras do cadro de persoal
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés retoma a Liga cun duelo de alta tensión. Tras unha semana de parón internacional moi activa para o equipo miñoto, o Bera Bera visitará A Sangriña este venres, 26 de setembro, ás 20.00 horas no partido que decidirá ao líder da clasificación ao termo desta cuarta xornada. Con ambos conxuntos empatados a puntos, o Guardés buscará tirar de afección e fará uso do seu plantel ao completo para tratar de vencer ao seu eterno rival vasco. O encontro será retransmitido en directo por Teledeporte e estará patrocinado por ORPAGU.
O Mecalia chega ao partido tras unha semana de parón internacional, que non de descanso, pois fíxose notar en distintos eventos. A nivel español, María Palomo participou nos dous encontros amigables das Guerreras contra a Selección de Eslovaquia; mentres que Amandine Balzinc obtivo un segundo posto representando ao Congo no Torneo Internacional que conmemoraba os 50 anos de independencia de Angola. Por último, tamén o corpo técnico mantívose activo, pois a adestradora Ana Seabra estreouse no seu novo labor de seleccionadora do equipo nacional feminino de Irán durante este período. Todo iso, mentres o resto do cadro de persoal repasaba o grande desempeño coral do equipo na súa última cita ligueira, que se saldou con goleada en Logroño (19-26).
O obxectivo este venres será tratar de recuperar esas boas sensacións, se ben as da Guarda son conscientes de que se toparán de fronte cun rival con máis táboas e seguridade ca o rioxano, que recuperou o seu lugar na categoría o curso pasado. O Bera Bera, vixente campión de Liga e Copa de la Reina, é vello coñecido para o Guardés, e deulle xa varios problemas mesmo antes de comezar a tempada. Primeiro, impoñéndose cunha vitoria con carácter no mesmo Inferno no Memorial Juan Rodríguez Pérez do pasado mes de agosto (19-23). E despois, a semana seguinte cun triunfo que deu ás donostiarras o primeiro posto do Summer Bag de Villacelama (28-26), aínda que non sen ter que repoñerse dunha esperanzadora remontada guardesa na segunda parte. Esa contestación é a que o Mecalia tratará de repetir este venres, erguido pola calor da súa afección e coa seguridade que lle permite contar de novo con tódalas xogadoras do seu plantel.
Pola súa parte, conxunto dirixido por Imanol Arias chega ao Baixo Miño cun historial idéntico ao guardés: pleno de tres vitorias en tres partidos. Porén, as vascas gozan de números algo distintos, pois inauguraron a competición cunha malleira ao Porriño (35-20) que probaba que encadearían outro curso máis ao máis alto nivel. A xornada seguinte non decaeu o ritmo cun impoñente 20-26 a domicilio en Elxe, mentres que Rocasa si que puxo as cousas algo máis difíciles ao cadro vasco hai dúas semanas, pois para facerse cos dous puntos finais o Bera Bera debeu remontar un marcador que lideraran as canarias ata pasado o descanso (30-27).
Con todo, o campión acumula uns resultados que o sosteñen coma o equipo máis goleador deste ano, cunha impresionante media que supera os 30 goles por encontro e que lle permite defender unha diferenza positiva de 24, once máis ca o Guardés e o motivo polo que sustenta o liderado no seu lugar. Síntoma da boa forma dun conxunto que non semella ter anos malos, menos aínda cando se reforzou durante o verán coa adquisición de nomes importantes tales coma Ester Somaza, Nicole Wiggins ou a exguardesa Elena Amores.
O Bera Bera foi o único rival ao que o Mecalia non logrou vencer o curso pasado, responsable de dúas das únicas catro derrotas acumuladas polas de Seabra. As vascas impuxéronse pola mínima na súa última visita ligueira á Sangriña (26-27, novembro) e con máis folgura no Gasca (27-21, abril), e non cabe dúbida no pavillón miñoto de que farán todo o posible por continuar co historial entre ambos. O Guardés deberá tirar da súa afección se quere sacar a espiña dunha vez por todas.
Ana Seabra: “Precisamos ter un bo nivel tanto defensivo coma ofensivo se queremos loitar polos dous puntos”
Para a adestradora do Guardés, o Bera Bera é un equipo do que “coñecemos todas a súa calidade individual e colectiva”, polo que esperan que sexa “un partido moi duro pola intensidade que impón e por tódolos seus recursos”.
Coas novas incorporacións ao seu cadro de persoal e o mantemento dos seus activos habituais, Seabra describe ao conxunto vasco coma “un equipo que corre moito, que é forte fisicamente, que ten bo tiro exterior e xogadoras de moita calidade”. A receita perfecta para poñer as cousas difíciles ao Mecalia, que non pode confiarse nin pola súa calidade de anfitrión nin polos seus recentes resultados.
Por todo iso, a chave estará na concentración e na limitación de erros en tódolos frontes. En palabras da preparadora, “somos conscientes de que precisamos ter un bo nivel tanto defensivo coma ofensivo se queremos loitar polos dous puntos”.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 4
Mecalia Atlético Guardés – Super Amara Bera Bera
Venres, 26 de setembro. ás 20.00 horas, no pavillón municipal A Sangriña
Emitido en directo por Teledeporte
https://www.rtve.es/play/videos/directo/deportes/balonmano-atletico-guardes-bera-bera-femenino/
Ningún comentario:
Publicar un comentario