8 de ago. de 2025

TOMIÑO

Coñece a Inma, Lucía e Nerea, o novo equipo da Biblioteca de Tomiño no Espazo Isaura Gómez  

 O equipo leva traballando dende o inicio do verán para dar vida a un espazo que abrirá as súas portas co inicio do curso académico

  

A alcaldesa, Sandra González, con  Inma Vicente, coordinadora do equipo da Biblioteca do Concello de Tomiño, do cal tamén forman parte Lucía Alonso e Nerea Pérez
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O goberno municipal que preside a alcaldesa Sandra González Álvarez, vén de facer público a seguinte información:

  «A Biblioteca do Concello de Tomiño prepárase para a apertura do novo curso escolar cun equipo profesional, formado e con ampla experiencia na xestión bibliotecaria. Este grupo estará ao fronte da biblioteca, apoiando as actividades culturais impulsadas polo Concello e mantendo un vínculo estreito coa vida cultural local. Para iso, colaborarán estreitamente co Departamento de Cultura, facilitando e apoiando estas iniciativas.  

 Á fronte estará Inma Vicente, a coordinadora do equipo, que desempeñará un papel fundamental na xestión xeral e na organización da biblioteca. A súa labor irá máis aló das tarefas administrativas, xa que tamén se encargará de coordinar e dinamizar os espazos e actividades, asegurando unha programación conxunta e coherente co Departamento de Cultura e coas distintas iniciativas que se desenvolverán no Concello.  

 Lucía Alonso será a bibliotecaria responsable da atención ao público e da xestión dos servizos bibliotecarios. O seu labor diario garantirá que a biblioteca sexa un lugar accesible e acolledor, facilitando o acceso aos fondos e fomentando a participación cidadá nas propostas culturais que se ofrecen.  

 Pola súa parte, Nerea Pérez que colabora actualmente mediante un voluntariado universitario coa Universidade de Santiago de Compostela, formará parte do equipo e apoiará especialmente a área de Arquivo e Imaxe. Esta sección está destinada a ser un espazo de conservación e difusión da memoria histórica local, ademáis, dun  punto de encontro onde a veciñanza poderá aportar fotografías, documentos e outros materiais, contribuíndo á creación dunha memoria colectiva.  

 Dende o Concello de Tomiño estamos moi ilusionados con este equipo de profesionais, vinculadas á vida local do municipio, que está a traballar con moita implicación e ilusión para facer realidade esta biblioteca. Pola súa parte, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, tamén quixo poñer en valor a importancia do papel das mulleres, destacando que “foi totalmente necesario rescatar o nome dunha das figuras máis imprescindibles no panorama tomiñés, como é Isaura Gómez, quen loitou constantemente por unha sociedade máis igualitaria e se converteu nun referente”. 

 Con este equipo próximo e comprometido, a Biblioteca do Concello de Tomiño quere ser un espazo vivo, aberto e dinámico, onde toda a veciñanza se sinta benvida a participar, aprender e compartir».

Ningún comentario:

Publicar un comentario