8 de ago. de 2025

O ROSAL

Gabriel Marcelli, estrela internacional do trial, ofrecerá unha exhibición única no Rosal   

  O piloto do equipo de Repsol Honda regresa ao municipio rosaleiro para protagonizar unha noite de motor, música e boa gastronomía o 15 de agosto na praza do Calvario 


A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o concelleiro Germán Fernández Rodríguez, con Gabriel Marcelli e Rocío, da Liga de Amigos do Rosal, na presentación do evento
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O vindeiro 15 de agosto ás 20:30 h, a praza do Calvario do Rosal converterase no centro do espectáculo sobre dúas rodas cunha exhibición de trial sen precedentes protagonizada por Gabriel Marcelli, piloto profesional do equipo Repsol Honda e orgullo do Concello. 

 Criado no Rosal e convertido nun referente internacional do trial, Gabriel Marcelli leva anos acumulando títulos e recoñecementos. Foi catro veces Campión de España, Campión do Mundo de Trial2 e Campión de Europa no ano 2019. Desde o 2022 forma parte do equipo oficial Repsol Honda, co que compite nas tres grandes disciplinas deste deporte: TrialGP (ao aire libre), X-Trial (en pista cuberta) e o Campionato de España. Nos dous últimos anos proclamouse dobre campión do mundo por equipos no Trial das Nacións, e no 2024 acadou o título de subcampión do mundo en TrialGP e o terceiro posto no X-Trial.  

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, quixo destacar a importancia deste evento histórico para o municipio: “Imos vivir unha tarde moi especial coa primeira exhibición do noso gran campión Gabriel Marcelli. Sentímonos todos moi orgullosos do que representa para O Rosal. Será unha oportunidade única para gozar da mellor exhibición de trial, en boa compañía e bo ambiente”.  

 Durante a súa exhibición, o público poderá ver en directo as habilidades dun dos mellores pilotos do mundo: saltos imposibles, equilibrios sobre obstáculos extremos e manobras espectaculares que deixarán sen alento tanto a grandes como a pequenos. Todo isto acompañado de música en directo con DJ, animación con orador e unha destacada oferta gastronómica.  

 O evento, organizado polo Concello do Rosal coa colaboración da Liga de Amigos e Prefabricados Estévez, será de acceso libre e aberto a todo o público. Por iso, o Concello anima a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a non perder esta cita histórica, que por primeira vez traerá ao Rosal unha exhibición de trial desta magnitude, celebrándose ademais na casa do seu campión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario