31 de ago. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés remonta e leva os dous puntos en Lanzarote (23-28) 

O Mecalia sorprende en casa do Zonzamas cunha remontada final a partir do minuto 50 tras ir a remolque todo o partido 

O partido das de Ana Seabra estivo marcado por un desacerto preocupante no lanzamento a porta que afectou a todas as súas xogadoras salvo aos seus extremos. Ania Ramos, con catro goles, e Jazmín Mendoza, con cinco, foron das que máis remaron polo ataque guardés 

Ceci Cacheda, con outro cinco acertos, tamén destacou como líder ofensiva, así como desde os sete metros. Pero na liña de penalti a estrela foi Cristina Cifuentes, que se alzou como máxima anotadora cun 100% desde esta distancia e sete goles en total

O Mecalia Atlético Guardés inaugurou onte sábado a tempada da liga Guerreiras Iberdrola cunha traballada vitoria
Fotos: M.A.G.
  

Redacción Deportes / Arrecife
 
 O Mecalia Atlético Guardés apura, pero acerta. As de Ana Seabra inauguraron onte sábado a tempada da liga Guerreiras Iberdrola cunha vitoria que se definiu como inesperada durante case todo o encontro. Tras ir a remolque dun Zonzamas moi potente e sen ser capaz de atopar a precisión nin na defensa nin no lanzamento a porta, o equipo miñoto tentou varias veces a remontada ata que o logrou a partir do minuto 50. Levantadas polos penaltis, nos compases finais, as galegas recuperáronse dunha renda local de tres goles ata finalizar o encontro cunha vantaxe de cinco ao seu favor, sobre un anfitrión totalmente desinflado ao peche do partido. Cifuentes foi a máxima goleadora, con sete goles e un 100% desde os sete metros, aínda que tamén destacaron Ceci Cacheda e Jazmín Mendoza no ataque, con cinco acertos cada unha. 

 O primeiro gol da tempada do Guardés chegou da man de Ania Ramos, que conseguiu transformar unha perda de parte do Zonzamas na primeira xogada do partido. As canarias pronto responderon e subiron o ritmo, e para cando o cronómetro marcou o primeiros cinco minutos, lograban poñerse por diante (3-2, min. 5). Ambos os equipos seguían un ritmo bastante igualado nestes primeiros compases. As perdas de balón e os erros en defensa eran comúns nos dous extremos do 40x20, aínda que o conxunto local estaba máis acertado para a portería. As canarias mantivéronse coa vantaxe mínima nos minutos seguintes, ata que María Sancha deixou o marcador en táboas desde os sete metros (5-5, min. 10).  
 
 O Mecalia trataba de estar atento, pero non acababa de atopar o seu sitio na pista insular. Mentres as locais parecían ser capaces de transformar todos os seus achegamentos á porta de Amandine Balzinc, as de Ana Seabra non acababan de puír erros no lanzamento e imprecisións importantes no xogo ofensivo que seguían xerando perdas de balón. Para o ecuador desta primeira metade, o Zonzamas seguía liderando á mesma distancia (7-6, min. 15). Terían que mellorar a súa concentración as da Guarda para impedir que o seu rival lograse escaparse. 

 Tras case cinco minutos sen que ningún dos dous equipos marcase, fóra dun penalti de Ceci Cacheda, o Zonzamas volveu encaixar o esférico na rede guardesa (8-7, min. 20). Aínda que co ritmo moito máis estancado, o encontro seguía decidíndose, polo momento, a favor das anfitrioas, coa precisión ofensiva e no lanzamento como factores diferenciais sobre os seus rivais galegas. 

 Foi neste último terzo da primeira parte que o conxunto canario ameazaba con aumentar a distancia no luminoso. Aínda que o Guardés defendíase como podía, as de Juanmi Pérez chegaran aos dous goles de vantaxe en máis dunha ocasión, ante un equipo miñoto que, excepto desde os sete metros xunto con algún acerto solitario de Xasmín Mendoza desde o extremo, levaba unha cantidade de tempo perigosa sen entrar na rede de Alicia Robles. A técnica Seabra identificouno e solicitou parar o crono, avisando ás súas para que non permitisen un marcador avultado para a segunda parte. 
 
 Pero a chamada de atención non pareceu fornecer demasiado efecto. A Cidade Deportiva Lanzarote levaba polo aire a un Zonzamas en refacho, que encadeaba roubos de balón e só era freado ocasionalmente por Sabina Mínguez baixo paus. As locais permitíanse agora unha defensa tamén máis agresiva, conscientes de que o Guardés parecía estar a perder confianza tras tantos intentos de gol errados. 

 Aínda que a renda canaria chegou aos tres goles, Ari Portillo chegou para romper a seca cun canonazo desde o seu extremo. Sumado á dobre parada da gardameta mislateña, que freou o contraataque e tamén parou o rexeite, a metade do partido pechouse co anfitrión liderando por dous (12-10, min. 30). O Mecalia debía cambiar o chip nos vestiarios para dar a volta á situación sobre a pista. E aínda que a segunda parte comezou cun prometedor lanzamento de Ceci Cacheda, o rival canario pronto demostrou que non estaba disposto a baixar o ritmo. Un rápido parcial 3-2 deixou claras as súas intencións e permitiulle aumentar a súa vantaxe nada máis renovarse o encontro (15-12, min. 33). Ao Guardés estaban a salvalo os penaltis, pois a liña de sete metros era case o único lugar onde lograba chegar sen dificultades á rede do Zonzamas, cunha alta porcentaxe de acerto liderado por Cifuentes e a central lalinense. 

 Impulsadas por unha nova aparición de Mínguez como cérbera, as de Seabra lograron encamiñar un pouco o rumbo do encontro. Cun parcial de 1-3 tutelado por Cacheda, o Guardés achegouse perigosamente ao seu rival, que parecía agora máis bloqueado na defensa (16-15, min. 38). Pero xusto na xogada que podería devolverlle o empate, un pase impreciso deixou en bandexa o roubo ao Zonzamas, deixando claro ás galegas que non podían cometer nin un só erro.  

 Aos poucos, as da Guarda volveron a escarbar e conseguir achegarse (18-17, min. 42). Pero tamén esta vez unha perda de balón desfixo parte do traballo, deixando ao Zonzamas vía libre ante a portería baleira. Un rexeite aproveitado por unha Marie Louis rapidísima completou a faena e sentenciou o intento de remontada a falta de quince minutos para o final (20-18, min. 45). Pero, lonxe de desanimalo, só serviu como gasolina para un Guardés que parecía decidido a cambiar tórnalas, e que puxo un parcial de 1-3 sobre a mesa para, por primeira vez desde facía 40 minutos, empatar o partido. Unha Cifuentes imbatible desde os sete metros puxo colofón á recuperación visitante, que esta vez tivera éxito (21-22, min. 50). Os dez minutos finais serían de todo ou nada para as de Ana Seabra, que debían seguir loitando para que o esforzo non caese en saco roto. 

 Mínguez seguiu aí cando lla necesitou e María Sancha levou ás súas da man ata que, nun dicir amén, imitaron a renda de tres goles que viñan de arrebatarlle ao equipo canario (21-24, min. 52). Jazmín Mendoza, que onte estaba de doce con ata cinco canonazos desde o seu extremo, foi quen completou a operación. Era o Zonzamas agora o que encadeaba perdas e erros froito dos nervios no xogo ofensivo, así como un lanzamento moito máis impreciso que non se correspondía para nada cos minutos anteriores. Os papeis intercambiáronse e o Guardés debía estiralos todo o posible.  

 Tras máis de cinco longos minutos sen marcar, o anfitrión deu sinais de vida e volveu facelo. Pero Rosane Serrano acertou a enésima máxima penalización a favor do equipo miñoto e devolveu ás locais ao momento de partida. Restaban algo menos de tres minutos para o final, un por cada gol que debía remontar o Zonzamas se quería que polo menos un punto quedase en Lanzarote. Pero acabábase o tempo, e os extremos guardeses seguían brillando. Todo o Guardés fíxoo nestes compases finais, nos que contra todo prognóstico elevou a máximos a renda dun partido que viña perdendo case desde que comezou (23-28, final).    

Zonzamas Plus Car Lanzarote (12+11): Valentina Menucci (p.), Marie Louis (7), Brenda Adoitar (4), Ingrid Adoitar (1), Gleinys Gonzále (4), Yasmin Fernández, Pauli Fernández (2), Agostiña López, Luna Voncina, Alicia Robles (p.), Irene Botella (1), Paula García (2), Nahomi Márquez, Claudia Kaulback, Daniela Jerónimo e Lorena Zarco (2) 

Mecalia Atlético Guardés (10+18): Sabina Mínguez (p.), Jazmín Mendoza (5), Blazka Hauptman, Lorena Téllez (3), Cecilia Cacheda (5), María Palomo, Rosane Serrano (1), Cristina Cifuentes (7), Carme Castro, Nerea Gil, Ariana Portillo (1), María Sancha (1), Ania Ramos (4), Anouk Nieuwenweg e Amandine Balzinc (p.).  

Marcador cada cinco minutos: 3-2, 5-5, 7-6, 8-7, 10-8, 12-10, 15-13, 17-16, 19-17, 21-22, 21-24, 23-28. 

Árbitros: Oriol Grebol e Miquel Vigo. Excluíron con dous minutos ás locais Nahomi Márquez (2) e Ingrid Adoitar e ás visitantes María Sancha e María Palomo. 

Incidencias: Primeira xornada da liga Guerreiras Iberdrola 2025/2026, disputada na Cidade Deportiva Lanzarote.

Ningún comentario:

Publicar un comentario