15 de nov. de 2025

A GUARDA

UNHA REVISTA CON SABOR A MAR, APTA PARA TODOS OS PÚBLICOS




Helena Pousa* / A Guarda

 Onte, venres 14, foi presentado o novo número da revista de Culturmar, Nova Ardentía, no local da Asociación Piueiro, na Guarda. 

 O número 17 desta revista anual  foi elaborado con moito coidado e ilusión para ser presentado no XVII Encontro de embarcacións tradicionais celebrado en Ribeira en xullo deste ano, na mesma vila que viu nacer estes encontros no ano 1993, e de aí o seu título: DE RIBEIRA A RIBEIRA. Nela podemos encontrar coma sempre unha serie de artigos relacionados coa cultura marítima e fluvial de Galicia e do norte de Portugal. 

 A presentación na Guarda correu a cargo de Tito Chirro, patrón do Piueiro, quen explicou ao público que asistiu ao acto, a pesar da borrasca Claudia, o significado de ardente ou ardentía e como pescaban os mariñeiros cando ardía a auga. 


Foto: Santiago Baz Lomba

 A seguir falou Bruno Centelles, do IEM, para explicar o que pode pasar nas costas da Guarda se van adiante varios mega-proxectos de aeroxeradores, chamados Roleira (con 33 cataventos) e Volanteiro (con 34). Na súa investigación sobre «A eólica mariña nas costas da Guarda», expón como estes polígonos de produción eléctrica van cambiar o noso mar de maneira irreversible. Arrepía pensar que hai en vista outros dous novos polígonos xigantescos, moito máis grandes que os que agora vemos na zona de Viana, xa que os aeroxeradores terán 287 metros de altura. A súa presenza non só vai alterar profundamente a fermosa paisaxe en fronte da Guarda,  senón que tamén vai acabar coa pesca. 


Foto: Uxía Insua

 Ademais de Bruno Centelles, do IEM,  falaron tres dos compoñentes do consello de redacción da revista, Helena Pousa, Rosa Fernández Otero e Emilio Insua. Este último, como piloto desta publicación, louvou a importancia dunha revista coma esta que naceu para a defensa dunha parte da nosa cultura ligada ao mar, unha rica cultura que estivo moito tempo esquecida e relegada na Galiza maiormente labrega.  E Rosa Otero explicou que se poden consultar os números anteriores en https://www.novaardentia.gal. E que a revista está aberta a calquera colaboración feita con rigor e que non estea publicada, sempre que estea relacionada con investigacións e historias da cultura marítima e fluvial. 


Foto: Santiago Baz Lomba

 Neste número hai moitas achegas moi interesantes relacionadas co noso pasado cultural mais tamén hai moitas outras relacionadas con actividades que lle dan futuro ao noso patrimonio, como «O Censo de embarcacións tradicionais de Galicia: Un paso adiante na consolidacion do patrimonio  flotante galego» de Pepe Sacau, presidente de Culturmar, na que explica como se poden dar de alta no censo de embarcacións tradicionais aqueles barcos que cumpran uns mínimos requisitos indicados no Decreto 52/2019 que permite inscribir tanto barcos tradicionais de Galicia como barcos históricos clásicos, que pasarán a formar parte do catálogo de bens de interese cultural xunto con outros bens que non son barcos. En moi pouco tempo, xa van incritos máis de 97 barcos, entre os que está a gamela guardesa. Pero aínda hai moitas outras solicitudes que están en estudo para seren aceptadas ou non como barcos tradicionais ou históricos. 

 Esta publicación ten vontade de resistir o paso do tempo por ser unha revista plural, con artigos moi diferentes en cada número, que poden interesar a un público moi variado que goste de saber máis sobre a nosa riquísima cultura marítima e fluvial. 

 Unha presentación moi interesante e necesaria para unha revista que se autofinancia grazas ás vendas que se fan nestas presentacións e ás colaboracións publicitarias dalgúns concellos comprometidos coa defensa da nosa cultura que fan publicidade das súas actividades a través deste medio. 

(*Do consello de redacción da revista Nova Ardentía)

Ningún comentario:

Publicar un comentario