13 de nov. de 2025

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

FILATELIA

Marta Verde Rodríguez, coa colección En busca de la belleza, logrou unha cualificación de 88 puntos, medalla de Ouro e trofeo especial da Sociedad Filatélica Gaditana

  Na 63 Exposición Filatélica Nacional “EXFILNA 2025”, celebrada na cidade de Cádiz


Marta Verde Rodríguez recibindo o diploma de Medalla de Ouro e trofeo especial da Sociedad Filatélica Gaditana de mans do seu presidente, Francisco Velázquez Barroso
Foto: Marila Abad Suárez

Infogauda / Camposancos (A Guarda)

 Na cidade de Cádiz celebrouse do 5 ó 9 de novembro, a 63 Exposición Filatélica Nacional “EXFILNA 2025” e a 29 Exposición Nacional de Filatelia Xuvenil “JUVENIA 2025” situadas ámbalas duas exposicións no Baluarte de La Candelaria. Estas exposicións foron organizadas pola Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI) e pola Sociedad Estatal Correos y Telégrafos e, coa colaboración do Concello de Cádiz e a Fábrica Nacional de Moneda y Timbre. 

 A exposición estivo chea de grandes e importantes coleccións filatélicas nas distintas Clases de Competición (Filatelia Tradicional, Historia Postal, Temática, Aerofilatelia, Maximofília, Filatelia Fiscal, Filatelia Aberta, Tarxetas postais e Literatura) onde amosaron o mellor de cada época, tema ou estudo filatélico. 

 Nesta 63 EXFILNA 2025 participou na Clase de Filatelia Aberta a guardesa - de Camposancos - Marta Verde Rodríguez, asociada da Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño de Ourense, coa colección En busca de la belleza, onde obtivo unha cualificación de 88 puntos, medalla de Ouro e trofeo especial da Sociedad Filatélica Gaditana.  

 Na mesma exposición, pero fora de competición, tamén exhibiu unha pequena mostra da colección de etiquetas de auga “Agua, manantial de vida” cunha acollida moi boa por parte do público que visitou a exposición. 

 Esta exposición competitiva estivo composta de 70 coleccións filatélicas, 15 de literatura e 8 coleccións de exhibición na EXFILNA, e 48 coleccións xuvenís na JUVENIA. Destacar que na EXFILNA, das 70 coleccións,  só tres eran de mulleres; menos mal que na JUVENIA a participación feminina está igualada coa masculina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario